«É unha carreira da maior importancia», destacou Caballero, que subliñou que unha media maratón é proba «da maior seriedade e relevancia».
A organización xa conta con 350 inscritos, «un número significativo» pois os atletas deciden a súa participación os últimos días, e o alcalde animou a que se inscriban. O reto é acadar os 1.000, como o ano pasado. «É a única competición atlética que sae do corazón da cidade», revelou o xefe do goberno municipal, que amosou o seu «aprecio» a Álvarez Salgado «pola organización dunha gran e complexa carreira, difícil de organizar, de gran calidade e que pon de relevo a capacidade do atletismo local e do atletismo de maior dureza».
Caballero destacou que «a parte final do percorrido será nova» pois a segunda volta ao circuíto deseñado rematará na Alameda. «O atletismo ten a beleza da visualización polo medio da cidade», apuntou, para concluír cunha segunda petición, esta para a cidadanía: «Animo aos vigueses a que se acheguen, a que vexan e aplaudan aos atletas porque o merecen».
Álvarez Salgado, responsable da Agrupación Deportiva Media Maratón, subliñou que hai diferenzas nos 21.097 metros respecto do de 2015 para facer un «mellor circuíto. Modificámolo para suavizar un pouco algúns dos seus tramos».
A proba, patrocinada polo Concello de Vigo, comezará ás 10:00 horas e o circuíto foi homologado pola RFEA. Con tres modalidades de inscrición (individual, por relevos de dous atletas e por relevos de equipos de 4 atletas), as de parellas e por equipos están a funcionar moi ben.