O Concello patrocina o evento, exclusivamente solidario. O obxectivo é conseguir o maior número de toneladas de alimentos non perecedeiros, que serán entregados ao Banco de Alimentos. «Pedimos aos participantes que non esperen a última hora para entregar os alimentos», explica Julio López dende a organización do Club Atletismo Vigo.
O cambio da carreira ao 28 en lugar do tradicional día 31 ten a súa razón de ser en dous factores: o loxístico e o solidario. A organización manéxase mellor un domingo pola mañá que no derradeiro serán do ano; ademais, contan con que haberá máis concurrencia. «Tentamos mellorar a proba para que se recauden máis alimentos cada ano; a efectos loxísticos viuse mellor levala ao domingo 28 como tamén se fai en Ponferrada, León, Salamanca, Almería… ou en Oporto. Moita xente viaxa o 31 ou traballa esa tarde», razóase.
Con esta carreira acaba o ano atlético, composto por 45 probas. Para o Atletismo Vigo, acadar os 3.000 participantes sería xa «un número importante» despois de que o seu teito sexa de 2.000. E superar os 5.000 quilos de alimentos, tamén. Como o ano pasado, cando por vez primeira abandonouse Castrelos, o percorrido será pola Alameda, nun deseño «totalmente urbano». Os deportistas deberán dar tres voltas a un circuíto de 1.900 metros, é dicir, uns 6 quilómetros. «Saímos gañando co cambio», afirman os membros da organización, que ao levar a carreira ao centro xa veron que esta se fíxo máis visible para a cidadanía, o que se traduciu en máis quilos de alimentos para os desfavorecidos.
A organización tamén lembrou que a inscrición faise directamente á hora de entregar os alimentos, na mesma Alameda, e recomendou que a xente se achegue sobre as 9 ou 10 para evitar tempo de espera.