A proba, fixada para o derradeiro día do ano, está marcada ás 17:00 horas con saída dende Areal cara a Praza de Compostela e percorrerá o Ensanche e Casco Vello tomando Berbés e Areal (estación de tren) como puntos máis afastados.
«É unha acción cidadá entre lúdica e deportiva», subliñou o rexedor, que anunciou o desexo de incrementar o número de inscritos: «Queremos reunir 5.000 participantes, 1.500 máis que o ano pasado, para acadar a meirande participación que se obtivo nunca nesta carreira», sostivo.
Con inscrición gratuíta a través da web championchipnorte.com, a carreira será moi publicitada nas redes sociais (twitter e facebook) tamén por vez primeira. O prazo de inscrición ábrese este mércores.
Serán catro quilómetros de percorrido como o ano pasado para que sexa unha «distancia accesible para todo o mundo» e que anime tamén ás familias. «É unha carreira lúdica, non competitiva, de pasalo ben, de divertirse», lembrou Caballero, que apuntou que moitos acoden disfrazados e que para eles haberá premios finais tanto individuais como de grupo. «Teñen gran éxito de público e crítica e ata hai quen propón sobre a marcha a premiados», indicou.
Ademais, a carreira servirá de apoio solidario ao Banco de Alimentos de Vigo. Todo aquel que se achegue á súa carpa con alimentos non perecedoiros recibirá un gorro de Papá Noel. En 2015 a ONG obtivo uns 4.000 quilos.
O xefe do goberno local amosou o seu bo humor dicindo que «queremos superar á de Madrid e, en vindeiras edicións, á de Nova York». E dixo que o 31 de decembro cae en sábado, «un bo día» para permitir máis participantes.