A proba, como sempre, terá unha vertente lúdica (andar e correr) para un circuíto de 3,7 quilómetros que varía respecto das edicións anteriores na súa saída e meta (antes, a Alameda). Esta modalidade está deseñada para familias, grupos de amigos, equipos ou persoas que queren ir acompañadas de mascotas (41 mascotas inscritas en 2018).
A carreira percorrerá o centro urbano (dezaseis rúas) e conserva a esencia de pasar polo Casco Vello. Dende Marqués de Valladares, Carral e Cánovas do Castillo subirase a pequena costa de Mestre Mateo, en anteriores edicións de baixada, para acceder a Teófilo Llorente, rúa Real, Méndez Núñez, Misericordia, Elduayen, Porta do Sol e Policarpo Sanz.
En 2018 participaron atletas de oito países (España, Portugal, Italia, Francia, Alemaña, Holanda, Suíza e Brasil). Ademais, chegaron corredores de toda España: o ano pasado estiveron representadas 12 autonomías.
Haberá 21 premios para os sete mellores disfraces de grupo, individuais e infantís. Ademais, minutos antes da multitudinaria saída os participantes afrontarán o ‘Baby Shark Challenge’, o reto de cantar e bailar a canción ‘Baby Shark’, para que os participantes se divirtan. Hai dous anos a San Silvestre comezou con outro reto, o do ‘Mannequin Challenge’.
O evento conta con inscrición gratuíta na web www.laptime.es e xa abriu o prazo. Os dorsais recolléronse en Decathlon Vigo (Parque Comercial Meixueiro) do 26 ao 30 de decembro. De novo a carreira é solidaria: entre as catro últimas edicións recolléronse 15,5 toneladas de comestibles para o Banco de Alimentos.