Non queda outra, hoxe toca mollarse. E xa que imos a correr pola choiva teremos que facelo ben. O malo son os primeiros quince minutos, mentres non rematas de entrar en calor. Tamén existe a posibilidade que de quedes totalmente frío antes de completar este tempo. Polo tanto, sae a rúa cando baixe un pouco a intensidade da choiva. É o primeiro consello e tamén o máis intelixente. Iso si, antes de saír nunca está de máis un pouco de quecemento con mobilidade nas articulacións: cóbados, ombreiros, xeonllos, nocellos e cadeiras. Uns saltiños e veña, á estrada ou camiño baixo unha serie de principios.
- Leva un corta-vento que sexa impermeable, pero tamén transpirable. Que efectos invernadoiro xa temos bastante na atmosfera
- Leva unha gorra. Xa sabemos que o sol non vai molestar, pero a auga na faciana e nos ollos pode torturar aínda máis.
- Coidado coas rozaduras na entreperna, nas axilas e, especialmente, nos pezóns. Son unha tortura e poden chegar a sangrar. Podes utilizar vaselina ou, directamente, esparadrapo ou unhas ‘tiritas’.
- Cambiarse de roupa con velocidade ó rematar.
- Facer estiramentos. De feito, a principal recomendación e facelos na ducha coa axuda de auga quente. Iso si, coidado de non caer…
- Comprobar que non aparezan bochas porque, coa humidade, son habituais
- Poñer a secar as zapatillas separadas das soletas. Isto non creo que inflúa moito no teu rendemento, pero o cheiro que desprenderán se non o fas igual inflúe nas relacións sociais.
O máis importante, o factor psicolóxico. Correr con choiva é para valentes. Os tempos son peores, a velocidade redúcese, pero se superas o frío inicial, a carreira será máis dura e, polo tanto, de máis proveito que sen o líquido elemento. Ademais, se un galego con corre no medio dunha borrasca atlántica é que non é da terra.
Sempre pode quedar algún covarde que decide non adestrar con auga. A vindeira carreira popular fará o ridículo porque choverá e retirarase ou ¿vaise suspender a proba por choiva? En todo caso, imos darlle unha alternativa para quedar a cuberto.
Tocará facer un circuíto de exercicios no baixo da casa ou no ximnasio. Neste caso, de forza-resistencia. Traballaremos con pulseiras para o braceo, sentadiñas, exercicios con gomas, e tamén unha serie para mellorar a reactividade do pé. Isto ben sendo que cando poñamos a extremidade no chan non quede a durmir e saia rápido cara o seguinte paso… Pero xa falaremos destas cousas máis adiante. Por agora, facer unhas vinte repeticións de cada exercicio e cun peso/resistencia moderado. Non moita carga, pero si que ó rematar o exercicio notes fatiga muscular e estar ó limite do que aguantas.
Se saír a correr a chover costa moito máis do habitual, unha vez rematado o adestramento a sensación de satisfacción é maior, moito maior. Entón poderás facer un café con leite ó calor da cociña de ferro e comer unhas castañas asadas sen sentimento de culpabilidade polas calorías. E nese instante pensas: “non hai como o outono para correr con choiva”.