E os máis rápidos en moverse polo monte foron Fernando Arca entre os homes e María Fernanda Pires entre as mulleres na proba longa. O tempo do gañador indica a dureza do percorrido. O atleta do Xesteiras tardou dúas horas e oito minutos en rematar. Unha media maratón por asfalto leva pouco máis dunha hora. Trail de moita esixencia.
No trazado curto, de 11 quilómetros, pero no que tamén se chegaba á zona o cumio do monte, os máis rápidos e hábiles foron Javier Rodríguez e Laura González. En tódolos casos, os gañadores entraron con vantaxe na liña de chegada para gozar da victoria. En total, chegaron a liña de meta 433 competidores entre as dúas probas.
Para alcanzar a chegada tiveron que superar zonas moi técnicas e sorpresas que tiña preparadas con mimo e algo de mala fe a organización. Entre elas un paso entre as pedras afiadas no medio da Serra do Galiñeiro. Noutros momentos tamén era preciso case trepar entre as rochas de granito. Polo menos, no cumio do monte había unha pequena banda de gaiteiros para animar a xornada. Se os participantes tiveron algo de tempo, tamén puideron gozar, aínda que por escasos segundos, das magníficas vistas que ofrece o lugar. O día acompañou.
A xornada empezou cun minuto de silencio polo pasamento de José Antonio Pérez, o cicloturista atropellado na Guarda e que estaba inscrito na proba. Despois chegou o esforzo do ascenso e tamén da baixada. Tamén con partes técnicas e nas que un despiste podería supoñer unha caída. En definitiva, unha proba de gran dificultade e tamén especial beleza. (Acceso ás clasificacións completas).