O Celta Atletismo escribe os seus éxitos en feminino. As célticas lograron ser as únicas protagonistas nas dúas citas máis importantes da pista cuberta da tempada: os campionatos nacionais absolutos de España e Francia.
Olaia Becerril entrou pola porta grande no atletismo nacional absoluto en Antequera. Debutante neste tipo de Campionatos, a saltadora de 17 anos lograba voar ata os 6’10 no seu segundo intento; colocándoa directamente na mellora e na pelexa polas medallas. Finalmente remataría con outro salto de 6’09m; nunha grandísima cuarta posición posición no concurso que gañaría a valdeorresa Leticia Gil (6’25, RGAbsoluto). Esta marca supón un novo récord galego sub20 e sub23 -só válido para pista cuberta; aínda que tamén é en Aire Libre- e un novo récord do clube que ela mesma posuía dende 2017. O seu adestrador Alberto Salgado mostrábase pletórico asegurando que «esperábamos esta marca y ya la habría saltado el verano pasado, de no haber tenido tan mala suerte». A única espiña que lle queda ao técnico é que «la semana pasada sacaron la convocatoria para un encuentro Sub-20 en Minsk y llevan a una chica que saltó 5’70 ayer». No obstante, cree que «en su nacional de Madrid va a mejorar» y ya tienen en el punto de mira la mínima para el Campeonato de Europa Júnior de Suecia (18-21 de xullo) que está a tan só 5 centímetros.
Completou a participación céltica dun xeito extraordinario a combineira viguesa Eva Queimaño. A discípula do olímpico David Gómez repetiu o posto de finalista de Getafe 2018 na súa segunda participación nun Campionato de España Absoluto. Desta vez foi 8º nunha proba marcada polo récord de España de María Vicente; logrando ademáis a súa marca persoal no pentatlon con 3.389 puntos.
Alice Finot pecha o inverno con outro metal en Francia
A gran revolución desta tempada invernal foi de novo profeta na súa terra. Alice Finot viaxou ata Marsella para participar nos Campionatos de Francia Élite; buscando en primeiro lugar repetir o éxito do verán pasado -terceira- e un derradeiro asalto á esixente mínima da federación gala para o Campionato de Europa de Glasglow (1-3 de marzo). Nunha emocionante carreira dos 1.500 -no que o triunfo foi para a local Ophelie Claude-Borxberger, gañadora o día anterior dos 3.000- a céltica chegou en terceira posición con 4:18.45; sumando unha carreira máis nas súas marcas. Nesta tempada indoor, a discípula de Manu Ageitos logrou baixar ata en 4 ocasións de xeito claro dos 4:21 que acreditaba o ano pasado como mellor marca de sempre; o que invita a pensar nunha progresión espectacular para a tempada estival. Pese a non conseguir finalmente a mínima francesa para Glasgow, atleta e adestrador móstranse tremendamente satisfeitos por estes resultados.