Manel Fernández, edil de Deportes, presentou este martes o evento acompañado polo presidente do club atlético, Belarmino Alonso, e das atletas Sandra Mosquera, Soledad Castro e Sara Pérez.
Con máis de cincocentos atletas xa inscritos (o prazo remata este xoves ás 20:00 horas), as carreiras desenvolveranse en San Andrés de Comesaña, ao carón do campo da Xunqueira, «o seu lugar habitual», explicou o concelleiro Manel Fernández, e a competición promesa-sénior masculina e feminina terá premio económico «interesante» para os cinco primeiros clasificados. Haberá 400 euros para o gañador e a mesma cantidade para a vencedora, repartíndose en total 1.800 euros.
Sara Pérez, que nesta oportunidade non poderá participar por lesión, anunciou que na categoría masculina haberá inscritos «de nivel» co ourensán Alejandro Fernández, Akka Essadoui, Hassan Lekhili, Iván Docampo ou o portugués Jorge Santa Cruz, mentres que Sandra Mosquera anunciou a presenza da Armada do Comesaña (ela mesma, Sofía Freaza, Soledad Castro e Estela Estévez), de adversarias de calidade como Iria Fernández ou Leticia Fernández, vencedora en 2014, e da triatleta venezolana Joselyn Brea, «que creo que é a principal favorita», sinalou.
Pola súa banda, Soledad Castro espera que esta carreira, como peche dun ano de celebracións, «teña un significado especial», e anunciou que ela seguirá participando no memorial «ata que o corpo diga basta». Belarmino Alonso, presidente da entidade, destacou que en 2015 o club realizou «actos bastante significativos» polo centenario.
O Memorial será tamén nesta edición fase zonal do campionato provincial en idade escolar (programa Xogade), polo que de cadetes para abaixo «haberá moita participación», subliñou Alonso. Ademais, como é costume, cada unha das categorías terá o seu correspondente circuíto para completar a distancia sobre a que está prevista a competición.
10:15 Xuvenil e Júnior Masculina. 4.710 m. 3 voltas o circuíto nº 4
10:40 Xuvenil e Júnior Feminina. 3.460 m. 1 cir. nº 4 + 1 circuíto completo
11:00 Promesa e Sénior Masculina. 8.565m. 1 cir. nº 3 + 4 circuítos completos
11:45 Promesa e Sénior Feminina. 6.227 m. 1 cir. nº 1 + 3 circuítos completos
12:15 Cadete Masculina. 3.460 m. 1 cir. nº 4 + 1 circuíto completo
12:35 Cadete Feminina. 1.590 m. 1 volta ó circuíto nº 4
12:50 Infantil Masculina. 1.590 m. 1 volta ó circuíto nº 4
13:05 Infantil Feminina. 1.085 m. 1 volta ó circuíto nº 3
13:15 Alevín Masculina. 1.085 m. 1 volta ó circuíto nº 3
13:25 Alevín Feminina. 883 m. 1 volta ó circuíto nº 2
13:35 Benxamín Masculina. 617 m. 1 volta ó circuíto nº 1
13:42 Benxamín Feminina. 617 m. 1 volta ó circuíto nº 1