O grupo municipal da Marea de Vigo vén de reclamar que se acometa unha remodelación integral das pistas de atletismo de Balaidos, así como a súa cubrición, con cargo ao recursos orzamentarios do ano 2021.
A concelleira Oriana Méndez alertou de que o Goberno local está a amosar “unha falta absoluta de interese” á hora de investir en espazos públicos coma este, deixando incluso sen executar partidas que permitirían arranxar o mal estado das instalacións e a falta de persoal. Detrás desta situación atópanse, segundo a edil, as recentes privatizacións para a xestion de espazos deportivos da cidade.
Para Marea de Vigo a reforma das pistas pódese incluír tamén nos usos do remante de tesourería ou ser financiadas con cargo ao superávit que vai xerar o exercicio 2020. Do mesmo xeito, serían financiables “cos fondos europeos que chegarán o ano que vén”.
A formación volve denunciar así a situación que viven ducias de atletas profesionais de Vigo, cunhas pistas que aínda que recuperaron recentemente a homologación para competicións oficiais por parte da Federación Española de Atletismo, seguen a necesitar “unha rehabilitación integral das instalacións e mesmo a cubrición das pistas para permitir seguir realizando entrenos e competicións en situacións climatolóxicas adversas”, segundo Oriana Méndez.
Marea de Vigo suma así “a necesidade de consignar unha partida orzamentaria para acometer dunha vez por todas unha reforma integral dun espazo que empregan ducias de deportistas profesionais e amateurs” ao xa denunciado sobre “o estado das instalacións e a falla de personal para o mantemento e apertura e peche das mesmas”, segundo engade a concelleira.