O grupo municipal da Marea de Vigo pediu xa no Pleno que «parte do superávit de 2017, este ano consignado case de xeito exclusivo a humanizacións, fora adicado a reparación integral das pistas de atletismo e a dotación de melloras nas infraestruturas das diferentes disciplinas deportivas».
Ademais, Marea lembra ao goberno local que «xa deportistas con participación en mundiais como Nediam Vargas, do Celta, solicitaron o traslado de Vigo a Guadalajara ante as limitacións das pistas para a realización adecuada dos exercicios. O estado das instalacións, tanto as interiores coma no exterior, xunto á propia xestión do espazo, traducida en horarios insuficientes e unha serie de ‘normas’ sen sentido, fan incompatible o espazo coas necesidades das e dos deportistas».
Marea de Vigo considera que este ano o goberno municipal non tiña escusas para facer fronte ás reformas necesarias e mellorar a xestión, xa que o decreto-lei que permitiría empregar o superávit en novos destinos nas chamadas inversións financeiramente sostibles (o acordado polo alcalde de Vigo como presidente da FEMP e o ex-ministro Montoro a primeiros de 2018) permitía empregar o superávit de 2017 en Instalacións deportivas. «Era un bo momento para inverter nesta infraestrutura municipal absolutamente esquecida e cun claro risco ademais para as e os deportistas que fan uso delas, sumado isto ás limitacións horarias de apertura impostas polo goberno local e o IMD, que supoñen un «obstáculo máis» ao desenvolvemento deportivo e prestixio da cidade de Vigo nos circuítos de atletismo do estado» sinala Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo.
Como exemplo, Marea de Vigo pon a pista deportiva de Elviña na Coruña, onde un acordo entre Concello, Deputación e Universidade permitiu a recente reforma integral da infraestrutura. «Pola contra en Vigo, o PSOE, desde o goberno municipal e a Deputación, semella só está interesado en soterrar centos de miles de euros da propia Deputación no estadio de Balaídos, que emprega en réxime de monopolio un club privado de fútbol, tendo ao lado unha infraestrutura en estado lamentable e pola que pasan centos de deportistas de base e de elite». Do mesmo xeito, desde o Concello tamén chegou a anunciarse, xa hai dous anos, «unha reforma integral co módulo cuberto, remodelación da grada e reforma de las pistas» na que un equipo redactor «xa estaba traballando», segundo dixo o concelleiro de deportes. Dous anos máis tarde, nada se materializou e as pistas atópanse en peores condicións cada día que pasa.