A proba federada, para atletas nacidos en 2001 e anos anteriores, correrase este domingo e pechou o xoves as inscricións, que o mércores chegaban xa aos 500 atletas de todas as idades. O memorial abre o calendario de campo a través e é «a única proba pura de cross en Galicia», lembrou o presidente do club, Belarmino Alonso.
Ademais, por vez primeira entra no prestixioso circuíto nacional de campo a través, o que lle permite incorporar a atletas de nivel doutras comunidades autónomas e estranxeiros. Ese rango teno xa asegurado ata 2018. «Isto recoñece a proba, pero tamén o traballo do club, ademais do traballo e esforzo do mundo do atletismo vigués e os seus éxitos», dixo o edil.
A tudense Leticia Fernández, gañadora no 2014, será unha das participantes na mellor edición da década, na que ademais o ADAS Proinor do Barco de Valdeorras porá en xogo as súas fichaxes viguesas (Esther Navarrete e Sandra Mosquera). A curiosidade chegará dende as illas británicas con Antoinette Duwayne (Lliswerry Runners), club galés que loce as mesmas cores na súa camiseta que o Comesaña.
En categoría masculina, nomes como o de Alejandro Fernández (ADAS Proinor), os lusos Nuno Pinto (vencedor da San Martiño) ou Fernando Serrao, e Gonzalo Basconcelo figuran xa inscritos.
Na rolda de prensa, o concelleiro estivo acompañado polo presidente do Comesaña, o directivo do club Jesús Sánchez e o delegado en Vigo da Federación Galega de Atletismo, Miguel Martínez, quen incidiu en que esta é «a mellor proba atlética de Galicia».