Caballero anunciou que o evento comeza e conclúe no polideportivo municipal de Navia, epicentro dunha competición cuxa loxística corre a cargo da asociación Galicia Máxica Adventure Trail, organizadora tamén dun circuíto de cinco probas que vaise definir en Vigo.
«68 quilómetros non é unha cifra menor», subliñou o xefe do goberno municipal, que cualificou a carreira de montaña como «unha acción de gran envergadura» na que ademais avanzou que «a organización espera bater o récord de inscritos o ano pasado: 290». A día de hoxe xa son 224 os participantes.
Caballero ofreceu a rolda de prensa acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, e por representantes da Mancomunidade de Montes que preside Uxío González e tamén da asociación Galicia Máxica.
Precisamente González explicou que a proba «é o primeiro ultra trail que se fai na provincia; percorrerá os montes de dez comunidades, destacando o monte Maúxo en Coruxo, o Cepudo en Valladares ou o Galiñeiro en Zamáns. Pero irá tamén por comunidades onde antes era impensable facer un trail, como Sárdoma ou Castrelos». O presidente da Mancomunidade suliñou que «remataremos a carreira polo fantástico paseo do Lagares».
González asegurou que os participantes verán uns montes coidados grazas a que co plan de emprego do Concello contratan cada ano, dende hai seis, a trinta persoas durante cinco meses «para a eliminación do eucalipto e a plantación de castiñeiros. A xente vai poder aprecialo», dixo.