Esta é a formulación dunha proba que, pouco a pouco, colleu arraigo entre o atletismo popular vigués de xeito que incrementou a distancia. Agora, para evitar demasiadas aglomeracións nas primeiras escaleiras, os 458 participantes deste ano deben facer un quilómetro chan antes de comezar a subir. Polo tanto, o desnivel de 135 metros afróntase en 2.000 metros. Moi duro e moi explosivo.
Isto provoca que o rendemento dos distintos atletas sexa diferente e, en ocasións, complicado de adiviñar. É unha proba díficil de adestrar e que obriga a unha formulación totalmente diferente á habitual. Algunhas das chaves son as seguintes:
- Facer un quecemento algo máis forte. O atleta debe saír ó máximo do seu rendemento. Hai uns anos, cando non había terreo previo, isto era extremo. Agora existe un quilómetro de marxe, polo que non é preciso empeñarse tanto. Non é recomendado subir escaleiras no quecemento porque sería engadir desgaste.
- Ser moi conservador. Extremadamente conservador, especialmente os debutantes na proba, que non a coñecen. Non se pode chegar a imaxinar o que desgasta a subida e o complicada que pode chegar a ser. Soamente buscar ó máximo do rendemento nos últimos cen chanzos. Isto é xa metidos no tramo final do Castro.
- Evitar os desfalecementos. É unha proba explosiva e de moita esixencia. A xente remata moi fatigada e co ritmo cardíaco moi alto. Polo tanto, tamén son habituais as explosións en pleno ascenso. Se ó chegar ó concello xa vas tocado, baixa o ritmo porque o desfalecemento está moi próximo.
- Subir ós chanzos de dous en dous. Polo menos, mentres poidas. É a forma máis rápida de avanzar. É certo que queimas moita enerxía, pero é o mellor método de ascenso e máis efectivo. Outro aspecto é que se non estas adestrado vas a aguantar corenta chanzos de dous en dous.
En definitiva, unha proba dura e case asasina. Habitualmente, os mellores atletas populares optan por non facela, pero nesta edición apuntáronse dúas figuras coñecidas neste tipo de probas como Ester Navarrete, na categoría feminina e Akka Akka Essaadaoui, na masculina. Serán os favoritos, pero é moito dicir nesta proba tan peculiar e dura.
Unha das novidades é o cambio na chegada. A eliminación do restaurante El Castillo permite facer a entrada no recinto do Castro pola entrada norte o que facilitará o acceso do público pola anterior. En canto a perfil, supón unha redución de 75 metros e, consecuentemente, unha subida no porcentaxe do ascenso. Máis madeira. Tralo esforzo cardíaco, os participantes poderán gozar dunhas fermosas vistas da Ría de Vigo sobre o cumio do monte. Iso sempre que o permita o tempo porque a previsión é que o domingo entra unha borrasca. A cuestión é saber se o fai antes ou despois do mediodía, hora da proba (12:00).