A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou o domingo no pavillón de Navia no acto da presentación oficial do Club Baloncesto Seis do Nadal-Coia para esta temporada 2024-2025.
No acto, no que se presentaron aos 31 equipos federados, as 10 escolas municipais e o equipo de veteranos, compostos por máis de 700 xogadores e xogadoras do club e aos máis de 40 adestradores e adestradoras, a vicepresidenta subliñou o papel «exemplar» do Seis do Nadal, ao que a institución provincial destinou este ano 15.000 euros no marco das axudas a clubs deportivos de ámbito estatal. «É unha sorte tervos nesta cidade de Vigo e en toda a provincia de Pontevedra», enxalzou.
Ademais, Luisa Sánchez reafirmou o compromiso da Deputación co deporte, «porque queremos que Pontevedra e deporte sexan un binomio irrompible ata converternos no maior escaparate mundial da práctica deportiva. Cremos que é un dos piares da sociedade, e por iso é unha das nosas grandes prioridades e traballamos man a man con clubs, concellos, entidades e asociacións», asegurou.