O equipo, comandado polo seu presidente, Carlos Álvarez, e a súa adestradora, Cristina Cantero, acudiu este martes á Alcaldía de Vigo, onde Abel Caballero desexou a mellor das sortes para os partidos que disputarán do 25 ao 28 de abril no pavillón Juan Ríos Tejera, de San Cristóbal de La Laguna. Ademais, todo o cadro de xogadoras estivo presente nunha xornada de atención aos medios antes de partir cara Tenerife, a onde acude con boas sensacións.
O Celta Zorka foi campión da súa liga regular con 24 vitorias e unicamente perdeu dos partidos, polo que parte como un dos equipos favoritos. O seu primeiro rival será o Barça CBS este xoves ás 19:15 horas (hora peninsular). O venres medirase ao Ciudad de los Adelantados (21:15 horas) e o sábado afrontará o terceiro e último partido do grupo 1 contra o Ynsadiet Leganés (19:15 horas).
Se queda primeiro ou segundo medirase ao equipo rival do grupo 2 que corresponda en función da clasificación. Este grupo está composto polo Patatas Hijolusa, o Campus Promete, o Añares Rioja e o CB Almería.