O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, remarcou o compromiso da Deputación coa igualdade e o deporte feminino. Fíxoo este xoves durante unha visita institucional ao adestramento do primeiro equipo do Celta Zorka, o único equipo de baloncesto da provincia que compite na máxima categoría nacional. “A nosa é unha provincia pequena, pero moi grande en deporte. E vós, o Celta, sodes as máximas expoñentes do noso baloncesto en España, levades o nome de Vigo e da provincia por todo o país. Quero felicitarvos e darvos as grazas por ese labor. Pero non só destacades no eido deportivo. Esta é unha semana especial, na que celebramos o Día Internacional da Muller e nesta loita pola igualdade tamén estades a xogar un gran partido”, confesoulles o mandatario provincial ás xogadoras, en véspera da celebración do 8M.
Luis López aproveitou tamén a visita para darlle os parabéns ao equipo, ao corpo técnico e aos integrantes da directiva desta entidade polo éxito que supuxo o ascenso á Liga Femenina Endesa, a elite do baloncesto español na que non competía o Celta desde hai once anos. Ademais, o titular da Deputación tamén deu ánimos ao equipo, que está a loitar por conseguir a permanencia nesta categoría.
A visita ao Celta Zorka supón unha nova mostra do apoio do goberno provincial ao deporte feminino e do seu traballo a prol da igualdade entre mulleres e homes. “Para nós o deporte feminino tamén é un motor de igualdade e queremos que teña, como mínimo, a mesma visibilidade que o masculino”, sostén o presidente.
Este compromiso por dar ao deporte feminino a visibilidade que merece e achegar á mocidade da provincia as súas referentes neste eido estase a ver referendada con acontecementos como o partido da Selección Española de fútbol campioa do mundo en Pasarón no pasado mes de decembro ou o previsto para o mes de abril no Porriño da selección de balonmán. Un apoio que se complementa tamén co recoñecemento ao labor dos clubs da provincia, como o que tivo lugar hai unha semana coa recepción no Pazo provincial por parte do presidente Luis López ao Poio Pescamar polo subcampionato conseguido na Supercopa de España.