O Ensino de Lugo, equipo da máxima categoría do baloncesto feminino español, será o rival do Celta Zorka Recalvi no partido memorial que lembrará a figura de Paco Araújo, presidente do Club Deportivo Bosco entre 2001 e 2016. O encontro disputarase o vindeiro luns 6 de xaneiro (18.30 horas) no pavillón de Navia.
O amigable foi presentado este venres no Concello de Vigo polo edil de Deportes, Manel Fernández, o presidente do Bosco, Carlos Álvarez, e as xogadoras Ángela Coello e Sara Vidal. O concelleiro destacou a «firmeza e vontade do club en recordo dunha persoa que foi referencia na xestión deportiva en Vigo», ademais de agradecer a presenza de «dúas xogadoras de moita proxección».
Álvarez, pola súa banda, confesou que “estes anos pasaron voando e imos demostrarlle (a Paco) o agarimo que lle temos con este memorial», que alcanza a súa cuarta edición. O directivo agradeceu «á Alcaldía e á Concellería de Deportes o seu apoio non só ao memorial senón en todo o concernente ao Club Deportivo Bosco», e enfatizou que «hai uns anos o Concello pediunos que apostásemos pola canteira e creo que o estamos facendo con fartura: agora están en Huelva as seleccións galegas, xogándose os Campionatos de España, e das vinte e catro nenas doce son do Celta. Somos a cuarta canteira de España, a un punto da terceira, e esperemos que esta tempada podamos estar entre os tres primeiros de España».
O presidente bosquista pediu á afección que «o luns veñan honrar a memoria de Paco porque vai ser unha festa do baloncesto con entrada de balde». E, ademais, «vai ser baloncesto de Liga Feminina, que é o que bota en falta esta cidade», dixo en relación á presenza do cadro lucense, da máxima categoría (Liga Endesa). «Invitamos a asistir para lembrar, pero tamén para poñer en valor o baloncesto», engadiu Manel Fernández.