O VI Campionato Galego de Balonmán Praia chegou esta fin de semana en Cesantes (Redondela) á súa conclusión, despois de cinco semanas de actividade. O sábado celebráronse as competicións das categorías menores, mentres que o domingo foi o momento dos sénior e os xuvenís.
Na categoría absoluta masculina, triunfo do BMP Painkillers, que superou na final ao PTV HandStard nun emocionante e igualado partido. Cada equipo gaño un set polo que tivo que decidirse o título nos shoot out a favor do Painkillers, que logrou así o seu cuarto campionato galego. A terceira posición foi para o BM Pescados. Nesta categoría houbo unha enorme igualdade e iso veuse reflectido no feito de que se clasificaron para a final equipos que quedaran segundos na fase de grupos.
Na categoría feminina, vitoria do AC Kalo Painkillers, tras gañar con facilidade no último e decisivo partido as redondelás do Merengue Merengue, que deran a sorpresa ao meterse na final. O bronce foi para o Waterfuckers 2.0. A gran novidade deste ano foi que o Bunga, claro dominador nas edicións anteriores, perdeu nas semifinais e quedou fóra da final por vez primeira en cinco anos.
Na categoría xuvenil impúxose o Servisub Area Bueu ao BMP Paradise na final masculina, mentres que na feminina logrou o triunfo o BMP Panchitos, que venceu ao Spiderwoman.
O sábado, con altísimas temperaturas, disputáronse na praia de Cesantes (Redondela) as categorías menores (alevín, infantil e cadete). Na categoría cadete masculina, chegaron á final os dous favoritos, Minizas Painkillers e CSG. A vitoria foi para o CSG por 2-0, aínda que o marcador estou moi apertado en ambos sets (11-12 e 6-7). Na categoría cadete feminina o triunfo foi para o Seis do Nadal FM, que superou ao BMP Pescados por 1-2. En infantil feminino, triunfo claro do DHT sobre o Dory´s Team, nunha final á que chegaban dous equipos que non partían como favoritos para loitar polo título. BMP Pescados proclamouse campión galego na categoría infantil masculino, tras vencer na final ao Lavadores Arena por 2-0.
E para rematar, destacar o triunfo de Macac@s Lavadores na final alevín mixta, tras superar ao Os da Jradiña (1-2).