O equipo anfitrión, Godoy Maceira BM Porriño, qué vai 6º en División de Honra, terá que enfrontarse ao Helvetia Alcobendas (9º na Liga), mentres que o Mecalia Atlético Guardés (2º) xogará os cuartos contra o KH-7 Granollers (10º).
No acto celebrado este venres na Casa do Concello do Porriño, e que foi retransmitido por streaming, estiveron presentes a alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre; o presidente da Real Federación Española de Balonmán, Francisco V. Blázquez; as deputadas Chelo Besada e Montse Magallanes; o concelleiro de Deportes do Porriño, Manuel Carrera e o presidente da Federación Galega de Balonmán, Xosé Lois Pérez Ouro e Begoña Fernández (ex-xogadora internacional galega), así como representantes dos dous clubs galegos.
Os outros dous partidos de cuartos de final enfrontarán ao Bera Bera, que logrou o título o pasado ano no Porriño e marcha líder en División de Honra, co Elche Mustang e ao Rocasa Gran Canaria co Clínicas Fertilidad Málaga.
O presidente da Federación Española de Balonmán, Francisco Blázquez, destacou o gran traballo da organización na Copa da Raíña do pasado ano, así como a resposta do público, e aínda así espera que este ano a Copa sexa mellor. «Porriño deixou o listón moi alto, pero a pesar de iso confiamos en superarnos este ano», indicou o máximo responsable do balonmán español.
Pola súa banda, o presidente da Federación Galega, Xosé Lois Pérez Ouro, asegurou que a mellor competición feminina que se pode organizar en España é esta, polo que a satisfacción é total. Manifestou a súa confianza no bo facer dos dous clubs galegos e agradeceu o magnífico traballo dos medios de comunicación galegos: «Somos moi afortunados polo despliegue que fan os medios galegos co noso deporte».
Rematou a alcaldesa Eva García manifestando a súa ledicia por volver a repetir como sede da Copa da Raíña e destacou o traballo do BM Porriño. «Todos os cidadáns de Porriño e eu mesma estamos moi orgullosos de todo o que facedes», concluíu referíndose ás xogadoras, que acudiron ao sorteo.
Este ano, como xa sucederá o pasado, a Copa da Raíña virá acompañada da mini-copa (categorías cadetes), que agora xa está considerada unha competición oficial. O torneo será retransmitido por Teledeporte e a TVG (os partidos dos equipos galegos) e haberá sorpresas que se irán desvelando nas próximas semanas.