Os combinados galegos viaxan coa máxima ilusión despois de varios meses de traballo preparando esta importante cita. Ademais este ano cambiouse o método de preparación, facendo máis concentracións, e os seleccionadores están moi satisfeitos porque “isto nos permite sacar máis rendemento aos adestramentos”, explican.
A expedición galega está formada por máis de 120 persoas (deportistas, técnicos, fisios, árbitros e delegados) e partirán en tres autobuses dende Vigo, Pontevedra e A Coruña na madrugada do 31 de decembro ao 1 de xaneiro. En total participarán preto de
2.000 deportistas, celebraranse 311 partidos, 7 cidades actuarán como sedes, haberá 16 pistas habilitadas (10 para os primeiros seis días de competición e o resto engadidas para o último día), un centenar de árbitros, outro centenar de voluntarios, prensa especializada, 6 hoteis para xogadores, organización e acompañantes.
A competición comezará o día 2 e as seleccións galegas terán o seguinte calendario:
Infantil feminino. Galicia, que o ano pasado foi sétima clasificada no Campionato de España, está incluída no grupo B xunto a Andalucía, Asturias e Madrid. O primeiro partido celebrarase o día 2 contra Asturias a partir das 11:15 horas. A seleccionadora Carla Abad destacou que “temos un bo grupo de xogadoras a nivel ofensivo, pero consideramos que temos algún problema
a nivel defensivo no que estivemos traballando nas últimas semanas. Outro aspecto positivo é a velocidade da xogadoras, son moi rápidas e listas”. Carla é realista nos obxectivos: “O noso obxectivo principal é non descender, pero consideramos que a nosa selección debe optar a conseguir medalla”.
Infantil masculino. O equipo galego, con Pablo Blanco coma adestrador, conforma o grupo A xunto a Castela e León, Euskadi e Madrid. Galicia debutará no torneo fronte a Euskadi (17:30 horas). O pasado ano, a nosa selección foi cuarta clasificada. O seleccionador destacou que “este ano atopámonos cun grupo de xogadores moi competitivos. Non nos falta calidade pero o máis destacable é a súa ambición natural en cada acción de xogo. Con respecto ao ano pasado perdemos altura co que tentamos implantar un sistema de xogo menos directo e mais elaborado”. Blanco explica que falar de obxectivos nesta categoría é moi complicado ao non contar con referencias doutros anos, pero “cremos que un obxectivo claro debería ser alcanzar as semifinais”. Como favoritos destacan Cataluña e Madrid, mentres que Castela e León e Canarias parece que melloraron.
Cadete feminino. Nesta categoría Galicia comezará na Copa de España, polo que o primeiro obxectivo sería acadar o ascenso. Javier Castro é o seleccionador do equipo cadete feminino que debutará o 2 de xaneiro contra A Rioxa (13:00 horas). “Os nosos principais rivais serán A Rioxa e despois supoño que Aragón. Esa ten que ser nosa realidade; máis adiante oxalá nos teñamos que preocupar por rivais que estarán a xogar no Campionato de España”, explicou o seleccionador, que destacou tamén que “temos un grupo rápido e cunhas características moi boas, acorde coa idade que teñen. No aspecto negativo, vexo que somos un grupo que non está afeito a fallar, polo que haberá que ver como responden ante situacións adversas”.
Cadete masculino. O equipo galego enfrontarase a Madrid, Castela e León e Asturias no grupo A. O primeiro partido será contra Asturias o día 2 (17:30 horas). No 2016, Galicia logrou o oitavo posto no Campionato de España disputado en Almería. O adestrador cadete masculino é Sergio Carballeira. Carballeira destaca do seu equipo “o carácter competitivo, que lles fará disputar os partidos a calquera. Os aspectos máis positivos son que todos disputan un posto, hai 2 ou 3 xogadores que marcan diferenzas pero todo o que vén por detrás tamén ten un gran nivel e seguro que non se notan moito as rotacións,todos achegan as súas virtudes en beneficio do equipo”. No aspecto negativo, indica que “o feito de que os xogadores pertencen a moitos clubs diferentes, pode ser un hándicap”. Cataluña, Valencia, Andalucía e Madrid parecen os grandes favoritos, pero o técnico galego aposta forte: “O gran obxectivo é conseguir medalla. O equipo está a prepararse para xogar a final e logo a competición poranos no noso lugar, pero a mentalidade está en gañar todos os partidos”.
Xuvenil feminino. A selección xuvenil feminina, dirixida por Javier Luengo, comezará a competición na Copa de España despois do descenso do pasado ano. Galicia forma parte do grupo B, xunto a Aragón, Navarra e Murcia. Debutarán o día 2 (17:30 horas) contra Aragón. O técnico destacou o bo traballo do grupo, aínda que tiveron moitas lesións durante a preparación. Javier explicou que “a unidade e o traballo constante son os puntos máis destacado do noso grupo, mentres que o aspecto negativo son as lesións que sufrimos”. O obxectivo está moi claro: “Ser primeiros do noso grupo e subir ao campionato. Para iso debemos gañar a todos os nosos rivais, sabendo que temos un grupo moi equilibrado”. En principio, Navarra e Aragón parece os equipos máis duro do grupo de Copa.
Xuvenil masculino. Galicia forma parte do Grupo B xunto a Castela a Mancha, Madrid e Andalucía, un grupo duro. O primeiro partido será contra Madrid o día 2 (15:45 horas). Adestrador: Samuel Iglesias. No campionato do pasado ano, Galicia foi quinta clasificada. Samuel destacou como os aspectos máis positivos “o grupo humano. Somos unha piña e debemos de crecer en base a iso, apoiándonos uns noutros. Aproveitando que o campionato é en Girona podería comparar o noso equipo cos Castellers. Aínda por riba levamos gran cantidade de xogadores de primeiro ano o que lles fará adquirir un plus de experiencia e moi intelixentes á hora de tomar decisións….o plano negativo quizais sexa a talla xa que non contamos con grandes baluartes físicos”. A pesar de recoñecer a dificultade, o seleccionador quere ser ambicioso: “O obxectivo nunca pode ser outro que gañar. Pero empezaremos cos pés no chan….Non hai rival pequeno e o chan debémolo de marcar en salvar a categoría. A partir de aí, onde nos leve a ilusión e o xogo que poidamos despregar que oxalá sexa a volver a Galicia con algo colgando ao pescozo”.