INFANTIL FEMININO: Andalucía, 23 – Galicia, 23
Partido sufrido desde o principio, xa que a Andalucía só lle valía a vitoria para pasar a cuartos e non depender dos rivais. As galegas enfrontaban o choque coa clasificación e a primeira posición do grupo no peto, pero querían avanzar aos cuartos co pleno de vitorias. Pero esta vez non puido ser. As andaluzas comezaron moi fortes e lograron poñerse por diante no marcador nos primeiros minutos 6-2, min. 10; 9-6, min. 20) e so no tramo final desta primeira metade as galegas lograron ir recortando distancias ata chegar ao descanso só un gol por debaixo (10-9). Na segunda parte, o choque estivo moito máis igualado, con alternancia no marcador e empates continuos, ata chegar ao empate final.
Galicia acadou o pase aos cuartos como primeira de grupo con dúas vitorias e un empate e xogará os cuartos contra Canarias (09:30 horas), que ascende da Copa de España.
Galicia: Laura Pouso, María Currás, Cintia Iglesias, Carolina Míguez, Area Martínez, Sara Román (3), Verónica de Cristófaro (1), Antía Estévez, Sabela Miniño (7), Jimena García (1), Carla Baltasar, Marta Dasilva (3), Lara García (1), Laura Magdaleno (3), Ithaisa Trigo (4), Carmen Fernández.
INFANTIL MASCULINO: Castela e León, 21 – Galicia, 29
Galicia pechou da mellor forma posible o grupo, cunha contundente vitoria ante Castela e León, que ata ese momento era a líder con dúas vitorias. Os galegos deron a cara durante todo o partido, aínda que na primeira parte o encontro estivo moito máis igualado. Desta forma, chegouse ao descanso con empate (11-11). Na segunda metade, as acertadísimas actuacións de Roi Galego, José Cerqueiro e Carlos Álvarez lideraron unha vitoria que permite aos infantís galegos progresar como primeiros de grupo e afrontar os cuartos con máis seguridade e confianza.
Este xoves, o partido de cuartos será contra Valencia (16:00 horas), un duro rival a pesar de que ascende da Copa de España.
Galicia: Lois García, Juan Pereira (1), Carlos Álvarez (9), Alejandro Martínez, Iago Costas, José Cerqueiro, Rubén Sequeiros, Roi Gallego (4), David Álvarez Henrique Gabriel Lourenco (3), Alejandro López (3), Marco García (1), Anxo Fontán, Mario Cancela (5), Román Arboleya (3), Rubén Augusto Gallego.
CADETE FEMININO: Galicia, 31 – Aragón, 26
A selección galega cadete feminina acadou o primeiro dos seus obxectivos: ascender de categoría e lograr así o pase para os cuartos de final do Campionato de España. As galaicas, despois dun primeiro grupo excesivamente sinxelo, tiveron que sufrir este mércores contra Aragón. O partido estivo bastante igualado ata os últimos minutos da primeira parte, nos que aproveitando boas defensas e varios roubos de balón realizáronse transición rápidas conseguindo un renda de 8 goles ao descanso. A segunda parte foi un pouco máis trabada, con numerosas perdidas e fallos de lanzamento, o que permitiu a Aragón poñerse a tan só un gol a falta de 8 minutos para o final. Pero as galegas reaccionaron non con nervios, senón con xogo, e así volveron a defender con intensidade para conseguir a vitoria final por 5 tantos.
Con este triunfo, Galicia acadou o ascenso ao Campionato e disputará este xoves, a partir das 16:00 horas, os cuartos de final contra Andalucía (primeiro do grupo B). Complicado choque.
Galicia: Uxía Ferreiro, Andrea Fernández (3), Silvia Leiras (2), Celia Pedreira (2), María Lidia Portela, Ruth Sánchez, Marta Martínez (1), Ángela Rodríguez (7), Estela López, Sandra Blanco, Aitana Santomé (4), Sandra Sánchez (4), Sara López, Sarai Espiñeira (8), Goretti Miguel, Lara Docampo.
CADETE MASCULINO: Madrid, 32 – Galicia, 32
Partido vital para as aspiracións galegas xa que todo estaba por decidir. Trala segunda xornada, os galegos ocupaban a terceira praza e querían gañar para conseguir un mellor cruzamento nos cuartos. Ademais, despois da derrota do martes (por inxusta e dolorosa), os galegos necesitaban un bálsamo en forma de resultado positivo. Desta forma, Galicia comezou o partido por diante no marcador grazas ao seu acerto en defensa e unha primeira liña enchufadísima que conseguía goles máis aló dos 9 metros de forma constante. Con todo a selección madrileña, un dos cocos do campionato, non se daba por vencida e cun gran traballo defensivo lograron chegar ao descanso con empate (16-16). Trala continuación un axuste defensivo de Madrid provocou que se fosen no marcador ata de 5 goles. Pero Galicia non estaba disposta a renderse sen loitar e logrou empatar o partido a falta de 3 segundos, nunha situación similar ao que sucederá o día anterior, pero nesta oportunidade a favor dos galegos.
Desta forma, Galicia logrou o pase para os cuartos de final coma segunda de grupo e enfrontarase este xoves a Castela a Mancha (16:00 horas) buscando o pase para as semifinais.
Galicia: Víctor Doval, Cristian Remeseiro, Gonzalo Domínguez (5), Xurxo Rivas (2), Brais González (6), Pablo González, Samuel Couto, Eduardo José Cousillas (5), Bruno Cela, Isaac Cabanelas, Martín Domínguez, Andrés Alonso (4), Juan Enrique Lago (4), Roi Sierra (2), Rubén Fernández (3), Samuel Barciela (1).
XUVENIL FEMININO: Galicia, 23 – Navarra, 23
Duro empate para as galegas que as manterá un ano máis na Copa de España, xa que o ‘gol-average’ decántase a favor das navarras por dous tantos. Na primeira parte as galegas foron por diante no marcador, a pesar dun inicio moi dubidoso polos nervios das nosas deportistas. Aínda así, chegaron ao descanso un gol arriba (12-11). Na segunda metade, as navarras impuxeron a súa forte defensa e chegaron a distanciarse de ata 4 tantos (19-23, min. 55). Pero o seleccionador Javier Luengo pediu un tempo morto e cambiou a defensa a 3:3 e as galegas lograron remontar ata empatar o partido a falta dun minuto para o final. Incluso puideron acadar a vitoria ao dispoñer do ultimo ataque do choque, no que o ataque con porteira-xogadora viuse truncado por unha falta que acabou co soño das galaicas.
A selección galega xuvenil continuará a competición na Copa e este xoves terá que esquecer a súa decepción para enfrontarse a Extremadura nos cuartos desta competición a partir das 18:00 horas.
Galicia: Ainoa López, Raquel Sineiro (1), Paula Alonso, Carmen Prelchi (10), Marta Pombal (2), Marta Groba (1), Mónica Sineiro, Uxía López (1), Begoña Otero, María Groba, María Pereira (4), María Álvarez, Andrea Cores, Débora Garrido (1), Sandra Fernández (3), Sara Estévez.
XUVENIL MASCULINO: Galicia, 25 – Andalucía, 32
Tralo triunfo na segunda xornada, Galicia non só dependía do seu partido para acadar o pase aos cuartos, senón que podía pasar se Castela e León perdía contra Madrid. E así foi, incluso antes de que os galegos saltaran á cancha. A pesar diso, Galicia quería acadar un bo resultados, pero ascender postos na clasificación e ter un mellor cruzamento nos cuartos. Pero enfronte estaba Andalucía, que amosou o seu poderío físico. Despois dun inicio moi apertado (6-7, min. 15), os andaluces lograron abrir distancias no marcador para chegar ao descanso con catro goles de vantaxe (12-16). Na segunda metade, Andalucía xogou coa vantaxe e non tivo problemas para garantir a súa vitoria, a pesar do gran traballo dos galegos, que loitaron ata o final.
Galicia acadou o pase aos cuartos como terceira do seu grupo e xogará os cuartos contra Navarra (segunda do grupo A) a partir das 11:30 horas.
Galicia: José Leiras (3), David Rey (2), Andrés Vila (1), Javier Figueroa (4), Bruno Vázquez (3), Juan Carlos Rodríguez (6), Rokkvi Pacheco, Sergio Lorenzo (1), Iñigo Silva, Mauro Regojos (1), Daniel Fernández, Iago Franco, Lois Pérez, Álvaro Preciado (1), Miguel Pousa (2), Pablo García (1).