Dende o minuto inicial, Galicia tomou o mando no marcador, mentres que as catalás parecían agarrotadas polos nervios. Así, no minuto 10, as galaicas tiñan cinco goles de vantaxe (1-6) e no minuto 20, a pesar de sufrir Galicia varias exclusións, as distancias creceron aínda máis (3-11). Pero no último tramo da primeira metade, as galegas baixaron o ritmo e iso permitiu unha tímida reacción das locais que lograron achegarse un pouco no marcador (9-15).
Tralo descanso, o equipo de Abel Estévez sufriu a lesión de Laura Rúa por un balonazo na cara e isto desconcertou un pouco ás galegas, que tamén saíron relaxadas. Así, as locais foron recortando distancias pouco a pouco. No minuto 10 lograron achegarse a catro tantos (14-18) e no 20 as catalás, que xa crían que a remontada era posible, estaban a só dous (20-22). Pero no momento da verdade, as galaicas apertaron forte en defensa para lograr un contundente parcial (2-11) que as levou ata o triunfo final (22-33) e lles garantiu unha praza na final deste xoves.
Cataluña B, 22: Ester López, Gemma Gálvez, Aina Fernández (5), Ariadna Siñol, Marta Barbeito (2), Ivet Rodríguez, Elisabeth Cesáreo (5), Sara Molés (1), Carla Robles (1), María Utrera (6), Marta Mera, Galia Carreras (2), Alisa Forné e María Murillo.
Galicia, 33: Lucía Vázquez, Gemma Martínez (5), Xeila Fervenza (1), Alicia Fernández (3), Alba Dapena (1),Cecilia Cacheda (1), Iris Sanjuan, Laura Rúa (1), Carla Rivas (2), Lorena Pérez (2), Sarai Samartín (6), Sandra López (4), Lara Patiño (1) e Andrea Dapena (6).
Árbitros: Jordi Ausas e Miguel Florenza.
Incidencias: Segunda semifinal do Torneo IV Nacións. Pavillón Municipal de Granollers. Na primeira semifinal triunfo de Euskadi contra Cataluña (19-25).