A afouteza que amosou o Distevi Seis do Nadal en cada encontro levoulle a converterse no equipo revelación do Campionato. Tanto é así que o propio seleccionador nacional, Jordi Ribeira, felicitou persoalmente ao corpo técnico polo torneo realizado. «Díxonos que lle gustou moito nosa a progresión, que desexaba que continuásemos con esta magnífica evolución e que nos esperaba en xuvenís», asegurou o técnico Mingos.
O Distevi Seis do Nadal-Coia chegou ao partido polo terceiro e cuarto posto coa moral a lume de biqueira pero moi castigado fisicamente e iso acaboulle pasando factura ante un equipo da talla do blaugrana.
Os vigueses sorprenderon de saída ao seu rival e durante o primeiro cuarto de hora chegaron a irse de ata cinco goles (5-10), pero nos dous últimos cuartos perderon frescura e o Barcelona ‘A’ aproveitouno para darlle a volta ao marcador (19-15 ao descanso).
Unha vantaxe que souberon administrar e ampliar con comodidade durante a segunda metade. «Tras o paso polos vestiarios recuperamos sensacións pero por pouco tempo. Aos dez minutos terminóusenos a gasolina e co noso terceiro tempo esgotado xa quedamos sen argumentos cos que contrarrestar a frescura do Barcelona», recoñecía o adestrador vigués.
A vitoria do equipo blaugrana foi incontestable pero tamén o foi a entrega do Distevi Seis do Nadal-Coia e con iso queda Domingo Dá Cunha, ‘Mingos’. «Por riba de todo teño que destacar a entrega e o sacrificio dos xogadores, o corpo técnico e a afección. Todos miramos con orgullo o conseguido porque está ao alcance de moi poucos».
Tralo sexto posto logrado hai dous anos en infantís e este cuarto posto en cadetes, o Distevi Seis do Nadal-Coia xa se marca como obxectivo o Campionato de España Xuvenil. «Seguiremos traballando durante os dous próximos anos para conseguir a medalla que se nos resistiu ata agora», promete o técnico.
O Campionato de España Cadete Masculino concluíu co triunfo do KH7 Granollers, que eliminara ó cadro vigués en semifinais. Segundo foi Balonmano La Roca, terceiro Barcelona Lassa ‘A’ e cuarto Distevi Seis do Nadal-Coia.