O Balonmán Cangas tivo que confinar ao seu equipo ao completo despois de que un xogador dera positivo por Covid-19 nunha PCR. O club, que emitiu un comunicado para informar da situación, púxose en contacto dende o primeiro momento coas autoridades sanitarias que, de entrada, deron orde de iniciar ese illamento para todos os xogadores e o corpo técnico.
Esta medida vaise prolongar durante dez días, polo que o Frigoríficos do Morrazo non poderá disputar o compromiso de liga previsto para esta próxima fin de semana, contra o Ademar en León. O club, mentres, agarda recibir “novas actuacións” a seguir nas próximas horas.
O Cangas tamén informou da situación ao Concello de Cangas, que seguindo o protocolo establecido por lei pechará o Gatañal durante 48 horas. Despois dese tempo, enviará o persoal pertinente para proceder á completa desinfección da instalación. “Obramos sempre co obxectivo de reunir novamente as óptimas condicións para o seu uso normal por parte das nosas categorías base, sempre, e como ata agora, dentro das indicacións e recomendacións das autoridades sanitarias”, expresa o club no comunicado difundido.
Estes casos están sendo unha constante na Liga Asobal, que xa tivo que pospoñer as dúas primeiras xornadas de competición. Ademais, cada fin de semana prodúcese algún aprazamento dentro dos compromisos previstos.