O pavillón do Rosal conta cunha nova bancada supletoria que, situada nun dos fondos, aumenta o aforo do polideportivo municipal. O Concello adquiriuna a través do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra e, con ela, axudará a encher aínda máis un espazo que ten moita afluencia todas as fins de semana. A alcaldesa, Ánxela Fernández, salientou que “a grada era unha necesidade despois do éxito da campaña de socios do Novás”, que xa conta con máis de 600 integrantes.
A rexedora explica que, xunto ao Acanor Novás Valinox, o Concello converterá a nova adquisición nunha “grada de animación” pensada especialmente para a canteira do club. “Así poderán vivir xuntos os partidos da División de Honra Prata de balonmán e identificarse aínda máis co club”, explican dende o Novás.
Para dar un pulo á imaxe e a creación desta bancada, ambas partes puxeron en marcha un concurso entre os membros das categorías inferiores para dar nome ao espazo. Os rapaces e rapazas que participen deben facer unha proposta de nome entre o 5 e o 12 de novembro. A persoa gañadora será premiada cun vale de 50 euros para gastar en Hummel.
“Con esta iniciativa queremos facer que a mocidade do Rosal poida gozar ao máximo do Novás e do noso balonmán a pé de campo”, destaca a Ánxela Fernández. No club súmanse á mensaxe da rexedora e animan as familias a vestir aos seus fillos e fillas con roupa do equipo para tinguir de vermello o pavillón municipal.