A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou este domingo na Cidade da Cultura na presentación das Seleccións Galegas de Balonmán que representarán a Galicia entre o 3 e o 8 de xaneiro no Campionato de España de Seleccións Autonómicas que se celebrará en Cataluña. No evento déronse a coñecer os integrantes das seleccións masculinas e femininas infantil, cadete e xuvenil, aos que a vicepresidenta animou e desexou sorte «para que poidamos celebrar con todos e todas vós os vosos resultados, non teño dúbida de que o daredes todo de vós mesmos e de que gozaremos enormemente do voso desempeño porque ides demostrar #ANosaEsencia», en alusión ao lema empregado pola Federación Galega de Balonmán.
Luisa Sánchez desexou que os e as deportistas «antepoñades a ilusión e o orgullo de formar parte da marca ‘Con Selo Galego’ á presión que pode supoñer ser papel de embaixadores e embaixadoras», e animounos a «contaxiarvos das esperanzas que temos as arredor de mil persoas que estamos neste acto, e das nosas enerxías positivas, para que cheguedes o máis alto posible no Campionato. Independentemente do resultado», sinalou, «imos estar moi orgullosos do voso traballo».