No sorteo participaron a alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre; o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa; o concelleiro de Deportes, Manuel Carrera; o presidente da Real Federación Española de Balonmán, Francisco V. Blázquez, e o presidente da Federación Galega de Balonmán, Xosé Lois Pérez Ouro; Begoña Fernández (ex-xogadora internacional) e Mari Godoy (xogadora do BM Porriño).
O primeiro cruce en saír foi o de Clínicas Rincón Málaga e Prosetecnisa Zuazo, das mans inocentes do presidente da Española e a alcaldesa do Porriño. Posteriormente, os invitados en extraer as bolas foron o secretario xeral para o Deporte e o presidente da Galega e a eles lles correspondeu sacar o choque estrela dos cuartos de final: O actual campión do Copa e líder da Liga, Rocasa, enfrontarase ao equipo anfitrión, o BM Porriño. Durísimo choque para as galegas, que contarán co apoio do seu público.
Os outros dous cruces foron realizados polas xogadoras Begoña Fernández e Mari Godoy,. E aquí houbo máis sorte para o Guardés, que se enfrontará ao equipo máis frouxo (a priori) da competición, o Logroño Sporting La Rioja. E o último enfrontamento será o Alcobendas-Bera Bera. Tal e como discorreu o sorteo, podería haber final galega.
O presidente da Federación Galega destacou o entendemento das administracións cando “falamos do mesmo. Se falamos de balonmán ímonos entender con total seguridade”. Ademais asegurou que a celebración da Copa no Porriño “é unha premio que se merece o balonmán galego”. Ouro finalizou desexando unha final galega e agradecendo o traballo do BM Porriño.
O presidente da Española destacou o magnífico traballo da Federación Galega de Balonmán sinalando que “para que toque un premio, primeiro hai que xogar y a Galega xoga moito para acadar este premio”. Blázquez manifestou que “O Porriño vai pasar a historia porque se celebrará por vez primeira a minicopa, polo que podemos gozar co xogo das maiores e das cadetes”.
A alcaldesa do Porriño expresou a súa seguridade en que esta Copa será unha boa inversión, pero non só polo retorno económico e a proxección da imaxe da vila, “sobre todo porque é un investimento en valores, nunha forma de vida. O deporte transmite capacidade de sacrificio, de superación e todo iso forma o carácter dunha persoa. Por iso sempre está ben investir en deporte”.
Pola súa banda, o secretario xeral para o Deporte pensa que “neste caso a lotería non ten nada de azar, ten que ver como traballo e o talento de moita xente”. Destacou o momento doce do balonmán galego e expresou o seu desexo de “ter por vez primeira un equipo galego nunha final de Copa».