Cando se aproxima a data do primeiro aniversario da colocación da primeira pedra da cidade deportiva do Celta en Pereiras, que tivo lugar o 30 de novembro de 2019, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, informou do arquivo das denuncias presentadas pola Comunidade de Montes de Tameiga e por Ecoloxistas en Acción. Segundo indicou este venres, a Fiscalía, por unha banda, e Axencia Galega pola Legalidade Urbanística (APLU), por outra deron carpetazo ás accións legais emprendidas por ambas entidades. Deste xeito, o Concello de Mos entende que o proxecto está “amparado e avalado” xuridicamente.
Cómpre lembrar que hai un ano a Comunidade de Montes de Tameiga presentou unha denuncia por suposta prevaricación ante a Fiscalía, que “foi desestimada ao estar a modificación puntual do PXOM aprobada inicialmente no pleno municipal e totalmente avalada pola legalidade”. Posteriormente, en setembro de 2020, Ecoloxistas en Acción e os comuneiros a de Tameiga formularon outra denuncia ante a APLU pola licenza outorgada aos campos de fútbol e vestiarios da cidade deportiva, que tampouco prosperou ao entender a axencia que o permiso se axustaba á normativa.
Arévalo decidiu este venres pronunciarse respecto deste tema porque “ante a proximidade de que se cumpra un ano da primeira pedra, moito me temo que volvan facer o mesmo buscando unicamente a noticia”. “Pero a noticia en realidade é que denuncian cos cartos dos comuneiros. É moi doado gastar cartos públicos en demandas que o único que pretenden é alimentar unha campaña de acoso e derribo contra a miña persoa como alcaldesa, simplemente queren facerme dano a min, desprestixiarme, e para elo cometen a irresponsabilidade económica de gastar os cartos dos comuneiros e ademais causarlle gastos ao Ministerio Fiscal”, engadiu.
A rexedora mosense tamén informou este venres de que as obras das instalacións deportivas na parroquia de Pereiras están “moi avanzadas” e a piques de rematar. Por iso, “en moi pouco tempo, cuestión de días, os xogadores do Celta estarán xa adestrando alí”.