Non obstante, non todos os desprazamentos teñen unha pega, nin moito menos. Ás veces a fe inquebrantable do celtismo recibe a recompensa que non precisa pero que ben merece. E o sábado vivimos, xunto a todas esas peñas e celtistas que son a nosa familia, unha desas viaxes redondas. Ademais, a máis importante de todas: O derbi.
A cousa comezou ben cedo, como corresponde a unha data tan sinalada. Na nosa sede cheiraba a día grande dende primeira hora. Pouco a pouco a xente foi chegando e cargando as pilas, os bandullos e os fígados ata fartar, para unha xornada que prometía emocións fortes. A hora de saída chegou voando e, unha vez no bus, partimos no mellor dos ambientes. Os nosos cánticos mesturábanse coa singular música escollida para a ocasión, que xerou non pouca polémica…
Escolliamos Padrón para facer unha parada «técnica» dunha hora e refrescar abondo as gorxas antes de enfilar Ordes, onde nos xuntamos co resto da expedición celtista. Despois do pertinente control policial, puxemos rumbo a Coruña (xa con música máis axeitada). Este ano os nosos buses chegaron dunha peza a Riazor, sorte que non tivo o vehículo do equipo, cunha fiestra rachada.
Xa no estadio branquiazul, tocaba cumprir a nosa parte dende o primeiro intre: cantar, berrar e non parar nin un segundo. Cumpriuse rigorosamente: cando o celtismo alenta unido é irredutible!
Do partido pouco queda por dicir: ó igual que na primeira volta, o RC Celta someteu ós herculinos no campo, e o celtismo fixo o propio nas bancadas. Os goles de Charles e Larrivey fixeron estoupar o sector celeste e confirmaron que o derbi era noso. «A rianxeira» tronaba en Riazor. En Galicia segue a mandar o Celta.
Houbo ocasión de festexalo cos xogadores, que responderon ao clamor e volveron de vestiarios unha vez mais, no que foi un momento para a lembranza. Para Irmandiños, se ben algúns de nós estivemos en vitorias anteriores na Coruña, foi o primeiro triunfo vivido alí como peña, no terceiro desprazamento organizado a Riazor. Isto o fixo aínda máis especial.
En resumo, un día inesquecible para o celtismo en xeral e para nós en particular, unha xornada que saíu redonda e na que abundou a troula e o celtismo. Unha viaxe difícil de superar! Na madrugada do sábado todos fomos deitarnos (algúns antes que outros…) cun amplo sorriso nos beizos. Un sorriso pola ledicia de sabernos os mellores da nosa terra.
Onte, hoxe e sempre Celta!!!«
IRMANDIÑOS 1923