Trátase da metade dos cartos que farán falta para a reforma, presupostada en 13,8 millóns, e que comezará o último trimestre de 2019. Está previsto que o proxecto sexa licitado en xuño.
A actuación permitirá achegar as butacas a 8,5 metros do terreo de xogo e gañar 1.000 localidades. Ademais, os fondos terán a mesma altura que Río e Tribuna, co que se creará un anel circular polo que os seareiros que o precisen –pensando principalmente en persoas con discapacidade- poderán moverse dunha grada a outra. Isto débese a que tanto Marcador como Gol disporán cada unha de oito novos ascensores para facer o estadio máis accesible. Igualmente, a cuberta dos fondos adentrarase no campo ata o final da área grande.
Unha vez que conclúan os traballos en Marcador procederase a demoler Gol, xa que non resulta viable acometer as obras de xeito simultáneo polos problemas que implicaría ao club e os afeccionados.
Outros convenios
Ademais, a institución provincial aprobou o convenio para as obras da vía ciclista Teis-Samil por 3.537.000 euros e a cesión da estrada provincial e humanización de Gran Vía-Avenida de Madrid-Emilia Pardo Bazán, polo que a Deputación de Pontevedra inviste 1.800.000 euros.
Finalmente, deuse o visto e prace á renovación das instalacións de céspede sintético en campos municipais (Navia, Bouzas, Meixueiro, Bouza, Sárdoma-Moledo, A Guía e Candeán); a remodelación e substitución dos pavimentos das pistas deportivas da grada de Río en Balaídos, remodelación e substitución dos pavimentos das pistas polideportivas, mellora das seis pistas de pádel e da recta multiusos.
Neste convenio, na que a institución provincial inviste 5.520.897 euros, tamén se contempla a construción do novo pavillón deportivo cuberto e instalacións complementarias en Romil e o novo pavillón cuberto de Quirós