A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, informaron este luns de que se atopan practicamente rematadas as obras do proxecto de colector para a conexión das instalacións deportivas do Celta en Pereiras coa rede xeral de saneamento. Só falla unicamente que se realice a reposición do firme, pois a instalación da tubaxe e de colectores xa está finalizada.
Estes traballos conclúen días antes da inauguración da Cidade Deportiva, que terá lugar o sábado. Ese dia disputarase un partido entre o xuvenil do Celta e o Deportivo. Con todo, está previsto que o primeiro equipo se adestre antes dese acto oficial, que será sinxelo por mor das restricións sanitarias.
Este proxecto de acometida de rede de saneamento levado a cabo polo Celta transcorre polos montes de Pereiras e conecta na súa parte final na Estrada Generoso Domínguez, parroquia de Cela. O proxecto acometeuse para poder unir os vestiarios e instalacións da Cidade Deportiva en Pereiras coa rede xeral. Pero unha vez realizada, esta montaxe supón un “importante punto de conexión” ao saneamento nesta zona da parroquia de Cela, tanto para a veciñanza como para outras dependencias existentes nas inmediacións, como é o caso do Círculo Mercantil, que poderán deste xeito engancharse á rede se así o desexan nun futuro.
O novo tramo de rede ten unha lonxitude total de 1.102,77 metros, foi financiado con 210.000 euros e executado polo Celta, e pasa a ser público e servir de conexión tamén para futuros saneamentos acometidos polo Concello de Mos.
Esta instalación ten a vantaxe de permitir a conexión por gravidade, sen precisar de bombeos de augas residuais resultando nun importante aforro enerxético e simplificando o mantemento. O principal obxectivo é permitir a conexión por gravidade das novas instalacións celestes en Pereiras co colector existente na Estrada Generoso Domínguez.
Os representantes municipais declararon sentirse “satisfeitos de que o proxecto deportivo do Celta en Mos signifique a ampliación e mellora da nosa rede de saneamento municipal, acometendo un importante tramo novo con custe cero para o Concello, pero que permitiralle futuras conexións tanto ás vivendas da veciñanza da zona como a novos tramos que se pidan levar a cabo desde a administración local”.