Pérez destaca que «o club estaría en mans de fondos de inversión empregando unha instalación pública nova e reformada a custo 0. Cousa que xa lle gustaría a moitas empresas privadas desta cidade que dan retorno en forma de postos de traballo e pago de impostos no noso termo municipal sen tantas prebendas de partida».
Rubén Pérez lembra que o actual presidente pasou de controlar o 39% das acción cando chegou ao cargo a ter o 51% en maio de 2014 tras comprarlle a Abanca as accións que tiña capitalizadas no club despois da conversión da débeda en accións, polo que a decisión da venda «está en mans dunha persoa concreta». Mesmo as empresas do actual presidente teñen concedidos dous créditos por valor de 8 millóns de euros que o club terá que seguir pagando despois da eventual marcha do actual presidente: «É
unha trama de operacións financeiras que amosan o verdadeiro interese que capital inversor estranxeiro pode ter agora nun club cunha tempada interesante de ingresos pola participación en competicións europeas».
Marea de Vigo lembra tamén que neste ano o club terá máis ingresos procedentes das retransmisións deportivas e os dereitos televisivos, máis de 53 millóns de euros, e mesmo está aínda por decidir quen custeará os máis de 2 millóns de euros de modificar a iluminación do estadio para adaptar aos criterios da Liga e a UEFA. Marea reclama «a redacción dun novo convenio entre Concello e entidade deportiva para evitar que un espazo público con tantas inversións previstas acabe sendo un mecanismo de engordar a conta de resultados de capitais especulativos estranxeiros».