Arévalo intentará convencer aos titulares das parcelas para que vendan as súas propiedades ao club vigués, que xa está a construír a parte deportiva das súas futuras instalacións. Cinco días despois a rexedora convocará a toda a veciñanza de Mos, no mesmo emprazamento, para explicar en detalle aos mosenses a “oportunidade” que o proxecto representa para o municipio.
Ademais, o Concello de Mos informou este venres de que habilitará un departamento específico para atender dúbidas sobre esta modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que se levará ao pleno do próximo 30 de setembro. Neste cambio contémplase o uso dotacional de terreos actualmente clasificados como rústicos de protección forestal.
A partir do primeiro de outubro, e durante un prazo de dous meses, todos os veciños poderán presentar alegacións e expoñer e resolver as súas dúbidas con dous técnicos municipais, un xurídico e un arquitecto, que estarán a súa disposición na casa consistorial en horario de mañá.
Este mesmo venres ese documento de modificación puntual foi enviado a toda a Corporación Municipal para que os partidos da oposición poidan coñecelo polo miúdo e votar no pleno que se celebrará en dez días.
Máis de 2.000 postos de traballo
Segundo o Concello, a modificación puntal do PXOM de Mos “nace da necesidade de cambiar o uso actual do solo para aproveitar as potencialidades do concello para localizar novos investimentos cos que mellorar a calidade de vida dos seus case 15.000 habitantes”.
A memoria económica do proxecto prevé a creación de máis de 2.000 novos postos de traballo e un incremento na recadación anual impositiva de máis dun millón de euros. Tamén aportará ás arcas do Concello de forma puntual máis de sete millóns de euros.
“O proxecto beneficiará, tamén, a conectividade interna da vila (dividida agora por unha autovía) e mellorará os servizos urbanos, ademais de que colocará a Mos como un referente internacional en materia deportiva. Permitirá a mellora da conexión de importantes equipamentos de carácter metropolitano como son o Hospital Álvaro Cunqueiro ou o campus vigués da Universidade de Vigo. Tamén prevese a mellora ambiental e paisaxística de máis de medio millón de metros cadrados de monte que se reforestarán con especies autóctonas conformando un parque de uso público e unha mellora importante nas redes veciñais de auga existentes no ámbito, garantindo a conservación e renovación das actuais infraestruturas”, salienta o Concello.
Igualmente, a administración local asegura que o proxecto suporá crear novas infraestruturas públicas para o municipio por valor de 41,6 millóns de euros e un investimento total duns 200 millóns de euros “co conseguinte impacto na dinamización da industria e, en xeral, na economía local e de toda a área metropolitana”.