A concelleira de Urbanismo, María Xosé Caride, deu conta este martes das alegacións que o Concello de Vigo vén de presentar como concello colindante á modificación puntual do Plan Xeral de Mos para facer unha zona comercial de 130.000 m2 vinculada á cidade deportiva do Real Club Celta. Os servizos técnicos municipais, explicou, fixeron unha valoración desfavorable do documento con cuestións que menoscababan os intereses da cidade de Vigo nunha dobre vertente. Primeiro, pola merma no comercio local e nos centros comerciais actuais ou previstos neste Concello e, en segundo lugar, porque usa servizos públicos de Vigo sen que a cidade obteña ningunha compensación. Na súa opinión, é unha actuación que usa o nome do club da cidade para intentar dar cobertura a un centro comercial porque ese é o obxectivo central da actuación como se reflexa no uso característico dominante que ten esta modificación puntual.
O documento analizado polo Concello recolle que o uso característico é o uso terciario comercial ou, o que é o mesmo, que a modificación urbanística é para construír un centro comercial que ao seu carón tería zonas deportivas e privadas. O obxectivo primario é un centro comercial, que terá un mínimo e un máximo do 50% e do 60%, da edificabilidade total da actuación, respectivamente, é dicir, uns 130.000 m2 edificables, segundo acordaron o a alcaldesa de Mos e o presidente do Real Club Celta.
A primeira das cuestións que sinala como menoscabo aos intereses dos vigueses é a presencia do centro comercial xa que o propio documento advirte de que será o responsable de máis do 95% dos desprazamentos previstos dentro da modificación puntual (tránsito de vehículos). Ademais, explica que deseña un novo vieiro, que xa ten o informe negativo do Ministerio de Fomento porque prevé unha nova vía nun lugar que hoxe xa ten o índice de accidentabilidade máis alto de España, con límite de velocidade a 60 km/h e moi saturada, o que parece indicar que non é o lugar axeitado para incorporar máis tráfico.
«Prevé unha nova vía nun lugar que hoxe xa ten o índice de accidentabilidade máis alto de España», alega o Concello de Vigo
Transporte público
O documento di que o transporte público que chegará á zona será o transporte público de Vigo, que debería incrementar as súas frecuencias. Este plantexamento establécese sen contacto algún para promover ningún convenio ou actuación coordinada para saber se tan sequera o Concello de Vigo vai colocar ou non unha parada próxima ao centro comercial. «Utilizan os servizos públicos de Vigo para intentar xustificar unha actuación que pretende que os vigueses merquen nese gran centro comercial danando o comercio de proximidade de Vigo», sinalo a concelleira. Caride concluíu asegurando que non se pode poñer de prestador dun servizo a alguén que non foi consultado para a posta en marcha dun centro comercial lesivo para o comercio da cidade.
Outro dos asuntos cuestionados desde o Concello de Vigo contra o proxecto do Celta en Mos é o feito de que o abastecemento de auga vaia saír da presa de Eiras e do convenio cos concellos da Mancomunidade do Louro, sen que o concello de Mos teña asinado un convenio con Vigo que dea cobertura a esta maior demanda de auga. «Tampouco pasou desapercibido o aumento do proxecto desde a súa aprobación inicial, cunha actuación que creceu ata superar o millón de metros cadrados. Trátase, ademais, dunha zona altamente sensible desde o punto de vista paisaxístico e con incidencia na preservación dos montes de Vigo, polo que o proxecto tamén é cuestionable desde o punto de vista medioambiental», engade Caride.
O Concello entende que as necesidades deportivas do Celta teñen que estar cubertas e de feito se lle ofertaron posibilidades na cidade porque “estariamos encantados con que se quedaran en Vigo”. En todo caso, precisou, que se o o club decide lexitimamente decide situar noutro lugar parte da súa área deportiva, “respectámolo pero baixo ningún concepto iso xustifica un centro comercial de 130.000 m2, o maior da provincia e da cidade (a superficie dos aparcamentos non computa)”. Na súa opinión, tampouco se xustifica que a principal infraestrutura deportiva da cidade -o estadio municipal de Balaídos – non fora usada polo Celta a pesar de respostar ás necesidades do principal club deportivo da cidade.
Legalidade
Desde unha perspectiva de estrita legalidade, os técnicos do Concello de Vigo tamén puxeron reparos ao proxecto do Celta en Mos dado que entenden que non se debería promover unha modificación puntual do Plan Xeral, senón unha revisión do mesmo porque tanto a superficie comercial como o solo urbanizable que prevé esta actuación é superior a toda a que recollía o planeamento urbanístico vixente en Mos.
Do mesmo xeito, os xurídicos tamén advirten sobre que Mos propoña unha actuación que non foi redactada polos técnicos municipais, sen unha licitación específica para redactala, senón que é un particular – que non é propietario do solo – o que a promove sen estar acreditado para isto, a xuízo dos servizos xurídicos do concello de Vigo.