Na nosa particular sesión vermouth comprobamos, da man dos numerosos whatsapp’s a importancia que o encontro tiña para todos os membros da peña. Óscar dende Huesca, Fernando dende Valga, Bea dende A Guarda ou Sergey dende Rusia fixéronnos chegar ánimos e bos desexos de cara á viaxe e o partido.
A mañá prestábase para seguir de troula e decidimos quentar, se cabe aínda máis, os nosos bandullos xantando un bo cocido en «A de Pedro». Chegaron os postres e os cafés, e con eles as comprobacións das listaxes do bus e de asegurarse que todos os viaxeiros estiveran ben informados do lugar de partida, o de parada e das precaucións a tomar nun desprazamento coma o que tocaba. Pasaban das 16:00h e tocaba ir pensando en baixar outra vez ó lugar de encontro: O Tribuna. Alí agrupámonos todos, e cánticos e máis cánticos despois marchamos cara ó bus.
A saída dende Balaídos estivo marcada pola presenza policial, cos controis e rexistros de entrada pertinentes, e polos típicos nervios previos a unha gran cita. Chamada por lista, reparto de entradas e para dentro. Carlos, un mozo do Uruguai, seareiro do Nacional de Montevideo era o encargado de levarnos á «Terra Hostil», e que ben que nos levou, con ritmo, alegría e falando con todos. Pasaban os kilómetros entre berros e cánticos e a festa medraba e medraba, pero a área de descanso de Ordes non chegaba. Unha vez alí, digamos que fixemos unha parada técnica, e agora si, directos para A Coruña.
A chegada foi tranquila aínda que un ano máis fomos os derradeiros en entrar no estadio herculino. Bancada chea e a atopar un oco onde ver o partido. Unha vez atopado todos fomos un só, e aquel recuncho converteuse nun Balaídos xigante que vibrou xunto, berrou xunto, e gañou xunto ó equipo o seu particular derbi. A vitoria chegou cun sorriso eterno, cada gol foi un gran golpe de ledicia, coma unha bomba. A guinda da xornada foi ver ó noso plantel celebrando con todos nós un triunfo que definía ó Real Clube Celta de Vigo como o auténtico Rei de Galicia».
CENTOLOS CELESTES