Cambios sociais si, pero sobre todo cambios económicos que «modernizan» o espectáculo e que prostitúen o xogo, que converten informativos de deporte en espectáculos de cores rosa ou amarelo, onde a vida transcorre nunha eterna telenovela na que se visualizan os egos e egoísmos dos dous famosos do fútbol. Nesta realidade paralela habitan dous, ou coma moito tres, dos vinte equipos da Primeira División española, os demais non existen, a Segunda División é coma un mal soño.
Escoito en moitas ocasións que os árbitros sempre axudaron ós grandes, que claro, que xeneran moitos cartos e que non é o mesmo pitar no Bernabéu (80.000 persoas, dous periódicos, catro informativos) que facelo en Balaídos. Fálase de axudas dos colexiados, erros, e de diferentes varas de medir cunha normalidade que chega a ser insultante. A inxustiza por costume, por decreto, sen que ningún poliño no curral queira molestar ós grandes galos do galiñeiro.
As institucións que supostamente tiñan que regular estas inxustizas son parte do xogo, parte do decorado. O noxento reparto de dereitos televisivos, as designacións arbitrais, as sombras derivadas de supostos amaños de partidos e o cheiro a corrupción son unha constante cada ano, sen que RFEF nin LFP fagan algo que xurda efecto, falando moito e arranxando pouco.
No que si teñen feito un esforzo importante é na busca constate de financiamento, sen que a ninguén lle pareza importar as consecuencias que se deriven deste descontrol. A liga xa non é a liga, xa non é primeira e segunda, agora ata o nome da competición pertence a unha empresa. Os horarios dos partidos só se poñen tendo en conta unha única variable, os cartos. E coma non, iso repercute no que pensabamos sagrado, no que considerabamos a esencia do fútbol, a afección.
Agora as vítimas desta desmesurada capitalización do fútbol somos os afeccionados, socios, peñistas e demais. Agora da igual a xente, ou polo menos a xente de aquí, e o teu equipo pode xogar calquera dia da semana a case calquera hora. Non importan os nenos, nin os maiores, non importan os que se erguen cedo para traballar, non importan os que veñen de lonxe a ver o partido, non importa o que pensabamos que era o máis importante. Non importan, sobre todo se pertences ós outros dezaoito equipos da Primeira División.
E chegaron os violentos, aqueles que sempre foron violentos e ós que nunca ninguén lles plantou fronte, aqueles que xa asasinaron, aqueles que xa mostraban bandeiras fascistas nos fondos dos estadios. Aqueles que xa quedaban para pelexar antes. Aqueles que non son peñas. Agora son noticia, aínda que as consecuencias dos seus actos pagámolas os demais.
Agora as peñas normais, as de toda a vida, temos que funcionar coma unha especie de empresa (sen ánimo de lucro) pero cunha chea de papeleos, formalismos e responsabilidades. Unha empresa que é controlada e vixiada, á que se lle supón que pode realizar actos violentos, racistas ou xenófobos. Un grupo que ten que xustificar os seus movementos ante a Policía cando viaxa, que ten que identificar ós seus membros cando require entradas, que ten que rexistrar pancartas e bandeiras.
O futuro das afeccións é incerto, pero coma sempre dixemos en Centolos Celestes: «Sempre haberá unha bandeira celeste en pé».
Alejandro Costas Vila
Presidente da Peña Celtista Centolos Celestes de Vigo