A propósito da votación aberta polo Celta de Vigo para propoñer e escoller unha nova denominación para a remozada bancada de Marcador, xurdiu estes días un movemento “espontáneo e popular” que propón o nome de ‘Tameiga Resiste’ para dita grada.
Ecoloxistas en Acción asegura que ten constancia de que centos de seareiros celestes e veciñanza da comarca de Vigo están promovendo e votando esa denominación na web habilitada polo Celta de Vigo. Desde a organización ecoloxista animan a cidadanía a participar e mandar así unha mensaxe sobre a necesidade de preservar a natureza da contorna.
“Como seareiro celtista prefiro que Marcador siga sendo Marcador, pero apoio está iniciativa para amosar que o celtismo non comulga coas ilegalidades e pelotazos urbanísticos en montes comunais. Os pelotazos no campo de fútbol, non nos montes comunais”, afirma Xaquín Pastoriza, coordinador de Ecoloxistas en Acción Rías Baixas.
A organización ecoloxista insta a Xunta de Galicia a retirar a cualificación de interese autonómico a “un proxecto baseado nunha construción que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia declarou ilegal en sentenza firme”.
“A Xunta non pode seguir branqueando este despropósito urbanístico de construír un edificio de case 3.000 m2 , cando pola cualificación do solo rústico de especial protección, só podían construírse uns pequenos vestiarios e almacéns”, recalcan desde Ecoloxistas en Acción.