Esta nova edición contará co aliciente de ver en acción a Óscar Pereiro, o gañador do Tour de Francia 2006, que tramitou a súa licenza elite e o sábado correrá en Narón. O mosense, que se retirou do ciclismo profesional en 2010, correrá defendendo as cores do seu club, o Fundación Óscar Pereiro.
O sábado poranse en xogo os primeiros maillots de líderes da Copa de Galicia no circuíto do Polígono Río de Pozo. O clube ciclista Beni Gym Sport organiza o 7º Trofeo Cidade de Narón, que arrancará ás 14:00 horas. Unha vez rematen as carreiras de Promoción, as categorías cadete masculina e feminina, Máster-40 e Máster-50/60 serán os primeiros en tomar a saída. Na segunda quenda chegará o momento para as mulleres Elite e Sub23, juniors e masters, que competirán á par dos homes Máster-30. Por último, ás 16:30 horas entrarán en escena os juniors e a carreira raíña dos Elite e Sub23.
Ao día seguinte, a actividade trasladarase á capital da comarca coa celebración da cuarta edición do Trofeo de Ferrol-Club de Campo. As 10:00 é a hora marcada para o inicio deste evento impulsado polo Club Ciclista Ferrol. O ciclocross regresa á parroquia de Serantes, a un circuito onde a pasada campaña se disputou o Campionato de Galicia desta modalidade.
Doce xornadas
O calendario completo da Copa Galicia está formado por doce probas. Tras a dobre cita desta fin de semana, o resto de xornadas serán: Trofeo Concello de Santiago (1 novembro), Ciclocross Viveiro (13 novembro), Trofeo Montes de Eiras-O Rosal (19 novembro), Ciclocross Marín (20 novembro), Trofeo Ciclocross Dumbría (26 novembro), Trofeo Concello de Boiro (6 decembro), Trofeo Concello de Pontevedra (8 decembro), Trofeo Horacio Barros (18 decembro), Ciclocross Maceda (24 decembro) e Campionato de Galicia (31 decembro). Ademais, todas as carreiras son puntuables para o ránking da Real Federación Española de Ciclismo.
Sandra Moral (C.C. Marín) e Adrian Valverde (C. C. Rías Baixas) foron os vencedores o pasado curso das clasificacións finais Elite e Sub23. No resto de categorías impuxéronse Carla Fernández (Redondela) en cadete feminino; Adrián Barros (Coruxo) en cadete masculino; Sara Trigo (Avanza) en júnior feminino; Pablo Álvarez (Cambre) en júnior masculino; Narciso Piñeiro (Spol) en Máster-30; Guillermo Álvarez (Fornelos) en Máster-40; e Javier de la Fuente (Betanzos) en Máster-50/60. En total, 285 corredores conseguiron sumar algún punto na primeira Copa Galicia.