O Club Ciclista O Rosal organiza a decimonovena edición do Trofeo Comunidade de Montes das Eiras. As bicicletas comezarán a rodar no trazado da Praia das Eiras ás 14:45 horas deste sábado. Os primeiros en entrar en acción serán os máis novos coa carreira de promoción e a continuación será o turno para os Máster-40, os Master-50/60 e as dúas probas cadetes. Na segunda quenda participarán os Máster-30, as júniors, e as mulleres Elite e Sub23. O programa de competición pecharase con júniors e cos Elite e Sub23 masculinos.
Hai previsión de chuvia para o sábado no Baixo Miño e tamén para o domingo en Marín, onde o circuíto do Chan de Xaxán agarda aos especialistas galegos desta modalidade. O Club Ciclista Marín celebra a decimocuarta edición do Ciclocross Ría de Marín, que arrancará ás 9:45 horas, seguindo a mesma orde que a xornada anterior. Este dous eventos tamén son puntuables para os ránkings da Real Federación Española de Ciclismo.
Nas clasificacións da Copa Galicia, Mauro González e Isabel Castro manexan interesantes vantaxes en Elite e Sub23. O de Salvaterra ocupa a primeira a posición da táboa masculina con 212 puntos de marxe sobre Darío Otero (Compostelano), mentres que a representante da AD Fornelos de Montes encabeza a feminina cunha renda de 100 puntos respecto a Irene Trabazo (Meruelo), que o domingo corre na súa casa.
No resto de categorías os maillots de líderes correspóndenlles a Andrea García (Cambre) e Carlos Canal (Maceda) en cadetes, a Pablo Álvarez (Cambre) e Sara Trigo (Cidade de Lugo) en júniors, a Andrés Calvete (Cambre) nos Máster-30, a Guillermo Álvarez (Fornelos) nos Máster-40 e a Javier de la Fuente (Betanzos) nos Máster-50/60.