O alcalde lembrou, entre bromas, que entre os máis de cincocentos ciclistas inscritos hai «xente nova que está empezando» como Óscar Pereiro, Álvaro Pino ou o profesional Delio Fernández, e cualificou a proba, non competitiva, como «unha gran acción deportiva moi consolidada e con moita forza».
Na rolda de prensa, xunto ao alcalde e ao concelleiro de Deportes, Manel Fernández, estiveron presentes Ezequiel Mosquera, Rubén Pérez, pola asociación de comerciantes da zona Náutico, e os presidentes da Federación Galega de Ciclismo, Carlos Muñiz, do C.C. Vigués (Carlos Vidal) e do C.C. Teis (José Antonio Ramos), todos eles colaboradores da proba.
A Gran Bikedada, unha marcha para bicicleta de montaña, ofrece tres posibilidades, dende os 42,2 quilómetros da ruta de medio fondo e os 64,4 da de fondo aos 94,6 quilómetros do percorrido de gran fondo. A proba ten tamén unha componente social pois axuda a un proxecto solidario da Red Concordia na aldea Magdalena, en San Agustín de Acasaguastán (El Progreso, Guatemala).
A organización explicou que o domingo haberá na saída 512 participantes que xa coñecen que esta é unha proba dura, con dificultades e lama en Pazos de Borbén e Fornelos, e consolidada», na que «van rodar como posesos».
José «Xagarós», coordinador responsable da organización, tamén valorou o anuncio municipal feito hai uns días dun gran carril bici en Vigo. «A perspectiva é inmellorable e vai ser moi importante para avanzar na difusión da bicicleta. A calidade de vida da cidade vai asociada á bicicleta».