Así, coa cooperación do Concello e a organización de A Golpe de Pedal, a próxima fin de semana Vigo encherase de bicicletas. A primeira cita é o sábado pola tarde, no parque do Castro, con actividades para toda a familia entre as 17.00 e as 21.00 horas. O domingo, ás 11.00 horas, todos os que o desexen poderán participar na ruta urbana.
Abel Caballero eloxiou na presentación unha iniciativa que ademais de fomentar o uso da bicicleta como forma de transporte, axuda a promover hábitos de vida saudables. A este respecto, o alcalde en funcións lembrou este xoves que o Concello seguirá a potenciar o uso deste vehículo na cidade e avanzou que está a piques de rematar o primeiro carril bici de longo percorrido -entre Samil e a Avenida de Bos Aires-.
As actividades do Castro incluirán, entre outras, rutas en BTT, mini Bike Park, Bike trial, bicicletas adaptadas, circuíto de habilidade, circuíto de educación viaria, campionato BMX, ademais de xogos populares ou inchables.
As inscricións teñen un custo de tres euros e o prazo rematará o sábado ás 20.00 horas. Nesta ocasión, un terzo da recadación será destinado á Asociación de familiares de enfermos de Alzheimer (Afaga).