Os labores de localización de etapas para La Vuelta a España do 2020 comezaron este mércores en Mos para buscar unha saída. Un equipo da organización estivo en Mos (saída da etapa 18) para revisar a zona.
Os membros integrantes dos equipos de produción e loxística reuníronse coa alcaldesa de Mos Nidia Arévalo, a concelleira de Cultura e Turismo mosense, Sara Cebreiro, o embaixador de La Vuelta, o ciclista mosense gañador dun Tour de Francia Óscar Pereiro, e os presidentes da Comunidade de Montes de Mos e da Fundación Pazo de Mos, de onde sairá a 18ª etapa de La Vuelta rumbo a Portugal e con meta en Porto, Matosinhos.
O xoves 3 de setembro de 2020 terá lugar esta estapa chá de 178 km de percorrido de La Vuelta Ciclista a España. Así, a saída de La Vuelta será desde o Pazo de Mos.
Mos é unha das saídas inéditas de La Vuelta 20. A etapa ten un padriño de excepción. Óscar Pereiro, embaixador de La Vuelta, gañador do Tour de Francia 2006, é nativo de Mos.
Mos é un punto de paso do Camiño de Santiago Portugués. Parada previa a Pontevedra, desde Mos márchase cara ao norte, rumbo á Catedral de Santiago, onde remata o camiño do peregrino. Con todo, o pelotón tomará o rumbo oposto dirixíndose cara ao sur: Portugal.
Con este novo cruzamento de fronteiras, La Vuelta converterase na rolda española máis internacional da súa historia, ao pasar por catro países da Unión Europea: Holanda, España, Francia e Portugal. O percorrido da 18ª etapa bordeará a costa portuguesa, aínda que o vento non debería afectar o desenvolvemento da etapa, con previsible chegada ao sprint.