A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, confirmou este martes que a vila volverá ser protagonista de La Vuelta Ciclista a España. Nesta ocasión, como chegada de etapa e non como saída como ocorreu o pasado novembro. A última batalla corpo a corpo de La Vuelta 2021 rematará na localidade da Louriña, posto que o pelotón chegará a Mos na penúltima etapa da competición, que realmente é a última etapa competitiva en liña, polo que o vencedor decidirase aquí case con total seguridade.
Ante esta nova, a rexedora local declarouse “satisfeita e enormemente orgullosa de que La Vuelta volva elixir a Mos dentro do seu percorrido e ademais por segundo ano consecutivo”. “Deste xeito, Mos volve situarse no mapa e converterase xa, indiscutiblemente, en emblema nacional do ciclismo, por contar entre a súa veciñanza con Óscar Pereiro, gañador dun Tour de Francia e embaixador de La Vuelta; e por ser protagonista en dúas edicións consecutivas de La Vuelta, saída de etapa o ano pasado e chegada da penúltima etapa este ano”.
En 2020, a 15ª etapa de La Vuelta saíu desde o Pazo de Mos o 5 de novembro. O municipio foi o único da provincia de Pontevedra no que houbo unha etapa de saída da ronda española nesa edición.