O triunfo de Carla Fernández chegou sobre unha distancia de 6,7 quilómetros. A ciclista do Marín–Ottoman impúxose cun rexistro de 10:36, rebaixando en 10″ o tempo de Amaia Lartitegi (Euskadi) e en 14″ o de María Brizuela (Castilla y León). Fernández atopouse moi cómoda e «a metade da crono vinme entre as tres primeiras porque levaba moi boas pernas. Cando na meta me dixeron que fixera o mellor tempo… foi demasiado. Non me esperaba gañar». Na proba en liña ocupou a sétima praza.
Nos rapaces cadetes, tamén sobre 6,7 km, Miguel Ángel Mera fíxose co terceiro posto. O ciclista do Cortizo – Anova, actual líder da Copa Galicia, quedouse a 7 segundos do segundo clasificado Carlos Rodríguez (Andalucía) e a 14″ do vencedor Juan Ayuso (Comunidade Valenciana), que gañou detendo o reloxo en 09:06. Mera estivo preto de volver subir ao podio na carreira en liña, na que rematou quinto no sprint do grupo principal.
A Selección de Galicia acudiu a esta cita con 26 ciclistas de idades infantís e cadetes, e a súa primeira medalla en terras abulenses achegáronlla as bikers cadetes. Co sexto posto de Noela Saa, o decimoterceiro de Aida González, o decimocuarto de Andrea García e o decimosexto de Antía Martínez, o combinado galego obtivo o bronce. As tres corredoras do Academia Postal-Actyon-MMR de Maceda e a do Cambre-Caeiro estiveron acompañadas no podio polas representantes de Catalunya, que finalizaron segundas, e polas de Andalucía, que se proclamaron campioas.
Polo contrario, a fortuna resultou de novo esquiva para Carlos Canal na competición cadete de BTT. Se o ano pasado un golpe de calor o afastou da vitoria, desta vez foi un dobre problema mecánico. Cando lideraba a carreira con dous minutos de vantaxe rachóuselle a cadea. Ese contratempo levouno ata a segunda posición, un posto de podio que non puido manter porque posteriormente sufriu a rotura dunha biela. Canal terminou undécimo.