Tanto o corredor do Club Ciclista Rías Baixas como a representate do Marín non lograron a vitoria na última proba celebrada en Maceda, pero obtiveron a recompensa á regularidade demostrada durante toda a tempada e subiron ao máis alto do podio como vencederos das clasificacións xerais Elite e Sub 23.
O barro apareceu na última cita do calendario autonómico para ditar sentenza. Non era nada fácil que a bicicleta rodase polo circuto do ‘VIII Ciclocrós Concello de Maceda’ e esa dureza engadida marcou o desenlace de varias carreiras, entre elas a proba raíña masculina. Adrián Valverde chegaba co título Sub 23 debaixo do brazo e con 80 puntos de marxe respecto de Paulo González (Salvaterra) á fronte do ránking absoluto. De saída, o líder sufriu o ataque de Samuel González (Avanza) e Mauro González (Salvaterra), pero soubo manter a calma consciente da esixencia do terreo.
O representante do Club Ciclista Rías Baixas neutralizou primeiro a Samuel González e máis tarde a Mauro González, situándose á fronte da carreira, ata que a falta de tres voltas para o final, e coa vitoria na xeral asegurada, foi superado por Saúl López (Maceda), que irrompeu desde atrás con moita forza. O corredor Elite do conxunto local cruzou a liña de meta avantaxando en 18 segundos a Valverde e en 1 minuto e 25 segundos a Paulo González, que certificou a súa vitoria na categoría Elite da Copa Galicia. En cuarto posición terminou Mauro González e na quinta Samuel González.
Pola súa banda, Sandra Moral non necesitou nin dar unha pedalada para garantirse o título feminino Elite e Sub 23 ante a ausencia de Lucía Vázquez, a única rival que podía desbancala da primeira praza. A ciclista do Marín culminou o seu triunfo na xeral cun terceiro posto en Maceda, por detrás de dúas corredoras do Fornelos: Desirée Duarte, que logrou a súa segunda vitoria da tempada, e a incombustible Isabel Castro.
Recital de Feijóo
Nas categorías inferiores quedaban dous ránkings por resolver. Sara Trigo (Avanza) ratificou a súa camisola de líder en mulleres Junior superando a Zaida González (El Rosal) e a María Rodríguez (Coruxo). Tampouco desaproveitou a súa vantaxe na xeral Cadete masculina Adrián Barros (Coruxo). O ciclista da formación viguesa finalizou segundo por diante de Mario Fernández (El Rosal) a súa principal ameaza para o título. O triunfo foi para Carlos Canal (Maceda).
O equipo anfitrión exhibiu o talento das súas novas figuras. En Junior masculino, Iván Feijóo, campión da Copa de España 2015, ofreceu un recital e impúxose con máis de tres minutos de vantaxe sobre o seu compañeiro Abel Franco. O gañador da Copa Galicia, Pablo Álvarez (Cambre), tivo que conformarse coa quinta praza.
Tamén na carreira Cadete feminina a vitoria quedou na casa. Antía Martínez (Maceda) bateu por 57 segundos á portuguesa Jessica Silva (Vila do Conde) e por un minuto e medio a Marta Vila (Monteferro), nunha categoría con Carla Fernández (Redondela) como gañadora da xeral.
Masters
A emoción en Masters estaba centrada na resolución da xeral Master-40 e Guillermo Álvarez recuperou a camisola de líder na última xornada. O ciclista do Fornelos venceu e aproveitouse de que Miguel Rei, primeiro clasificado ata esta carreira, concluíu cuarto. O podio en Maceda completárono José Antonio Pazos (Código Atlántico) e Manuel Armada (Asociación Galega de Ciclistas).
Non houbo sorpresas na xeral das outras dúas categorías. Narciso Piñeiro (Spol) apuntouse o título en Master-30 acabando por detrás de Alejandro Mesías e Andrés Calvete, ambos do Cambre. Mentres, Javier de la Fuente (Betanzos) non fallou en Master-50 e sumou un novo triunfo superando a Jose María San Miguel (Balmasedana) e Antonio González (Salvaterra).
A cita de Maceda supuxo a conclusión do calendario autonómico e o último test antes de que o vindeiro venres arrinquen na localidade cántabra de Torrelavega os ‘Campionatos de España de 2016’.