Delio sabe que terá unha esixencia maior e tamén que debe comezar forte a tempada, pero mantén unha ilusión. «Por categoría, o equipo pode participar en calquera carreira. É o primeiro ano que vai a estar na categoría Profesional Continental e necesita dar uns pasos. Eu soño con poder volver a correr a Volta a España. Sería unha gran satisfacción que o equipo puidera acadar unha invitación, pero non depende do equipo. Depende das organizacións e das invitacións. O primeiro paso non creo que sexa doado, pero no futuro é unha aspiración”. Sobre o seu nivel, indicou que «estiven nesta carreira cando traballei para Mosquera, pero era moi novo e creo que fixen un bo papel. Gustaríame volver e ter outro rol. Creo que agora son un ciclista máis completo». En 2016 a ronda española terá a saída e as catro primeiras etapas en Galicia.
O ciclista moañés recoñeceu que ó finalizar cada tempada tentou atopar un oco no ciclismo de elite, pero que «este ano saíron moitos rumores e algúns non eran certos. É verdade que o equipo francés tivo interese dende o comezo, pero despois demorouse moito. Tes que convencelos de que es o ciclista que necesitan». Fernández precisou que «en Portugal tiña moita responsabilidade, era a cabeza visible a maior parte do ano, e na Volta a Portugal tiña a Gustavo por diante. Aquí vou a ter máis liberdade, pero as carreiras son máis complicadas, con maior competitividade e será máis difícil destacar. Eu vou a prepararme o mellor posible, intentar asomar a cabeza e tentar aproveitar as oportunidades que pasen por diante. É un salto de calidade moi grande».
Bandeiras galegas en Portugal
O Delko Marseille ten como principal intención centrarse no calendario francés e disputar as xerais nas probas de tres ou catro días pode ser unha das metas do ciclista moañés. Aínda así, os obxectivos quedarán completamente establecidos durante as concentracións que realice o equipo durante o inverno. Tras cinco tempadas no pelotón de Portugal, o ciclista do Morrazo engade que «podo mellorar e, tamén, ser un mellor ciclista. Creo que no país veciño cheguei ó máximo que podía acadar alí. Soamente faltoume gañar unha Volta a Portugal e para min é un reto continuar a miña progresión deportiva. Creo que estou no mellor momento, a pesar de que comezo a ser veterano porque comecei moi cedo. Con vintedous anos, espero seguir dando moitas alegrías. Teño moito que agradecer ós afeccionados porque ver bandeiras galegas en Portugal facíanos moita ilusión».
Na xornada de onte, o ciclita presentou a marcha cicloturista Desafío Delio.