Tras dous anos exercendo como anfitrioa en Pontevedra, a Selección de Galicia disputará o Campionato de España de Ciclocrós 2021 dende este venres en Torrelavega. O combinado autonómico desprázase ata terras cántabras cun numeroso e potente bloque formado por 34 ciclistas. O seu obxectivo será dar continuidade aos excelentes resultados asinados nas últimas edicións deste evento.
O listón está moi alto para a selección dirixida por Guillermo Sande despois de acadar once medallas hai un ano no circuíto da Illa das Esculturas. As condicións nesta ocasión serán distintas por mor da pandemia. En Torrelavega non haberá público e a programación das carreiras tamén se adapta ás esixencias sanitarias, con tres días de probas individuais en vez de dous como viña sendo o habitual.
A delegación galega porá rumbo a Cantabria este xoves, na véspera de que arranquen as competicións. A Selección conta con varias bazas na primeira xornada para conseguir títulos e postos de podio. O campionato comeza o venres ás 14:00 horas coa categoría cadete masculina na que defenderán as cores de Galicia cinco corredores: André Martínez e Martín Sestelo (Avanza-O Porriño), Danny Buba (Coruxo), Héctor García (Poio Bike) e Tomás Pombo (Cambre).
A continuación, ás 15:00 horas, chegará a quenda de dúas probas femininas. O sexteto de Galicia na carreira cadete formarano María Filgueiras (Caimanes Betanzos), Claudia Pérez (Corbelo), Vania Gregores (Ponteareas) e Uxía Soto, Marta Estévez e Aroa Otero (Avanza-O Porriño). Ao mesmo tempo, celebrarase a competición das mulleres masters coa Selección representada polas máster-30 Eva Ortega (Biciosos Rías Baixas) e Montserrat Martínez (Oiense), e as máster-40 Sonia Costoya (Corbelo) e Mónica Alarcón (Louriña).
A programación do primeiro día en Torrelavega, localidade que acolleu este evento por última vez no 2016, encargaranse de pechala os juniors, entre eles seis corredores do combinado autonómico: Miguel Rodríguez (Ponteareas), Ricardo Buba (Vigo-Rías Baixas), Anxo Carril (Coruxo), Zoe del Río (XSM), Martín González (Maceda) e Fabián Rodríguez (Caimanes Betanzos).
Sábado e domingo
A xornada do sábado está reservada aos masters masculinos. Os catro convocados pola Selección uniranse ese mesmo día á expedición de Galicia debido aos protocolos establecidos. Rubén Deaño (Ourense Termal) participará na carreira máster-30; José Rodríguez ‘Tami’ (Norinver), na máster-40); Juan José Saborido (Speedcross), na máster-50; e Constante Lestido (O Trisquel), na máster-60.
O campionato clausurarase o domingo e como aperitivo ás dúas carreiras raíñas disputarase a sub23 masculina co alaricano Iván Feijoo defendendo a súa coroa estatal vestindo o maillot do equipo Nesta. O ourensán compartirá grella de saída cos ciclistas da selección galega David Fernández (Avanza-O Porriño), Ángel Maneiro (Vigo-Rías Baixas) e Borja Gómez (Ponteareas). As seguintes en entrar en escena serán as elite-sub23 e as juniors con catro corredoras do combinado de Galicia: a sub23 Carla Fernández (Farto) e as juniors Laura Mira (Avanza-O Porriño), Sofía Álvarez (Cambre) e Sonia Domínguez (XSM). Por último, Saúl López (Maceda) e Daniel López (Cambre) competirán coa camisola da delegación autonómica na proba elite masculina.