“Con estas probas, intentamos darlle ao adestrador unha serie de suxestións sobre cal sería o programa ideal de adestramento que eles poden desenvolver de xeito individual”, salienta no Diario da Universidade de Vigo o profesor Óscar García, quen, xunto a cinco investigadores e investigadoras, encárgase da realización dunhas probas que o Ciclismo Rías Baixas realiza por cuarto ano consecutivo nesta facultade, ao abeiro dun convenio de colaboración entre o club e a Universidade.
Despois de que tres dos integrantes do equipo realizasen esta avaliación a pasada semana, ao longo deste luns son dez os ciclistas que se someten a estas probas nos laboratorios da facultade, coincidindo coa concentración que nestes días reúne no Centro Príncipe Felipe aos integrantes do seu renovado equipo elite, no que o salmantino Iván Rodríguez se estrea como director deportivo.
Os investigadores e investigadoras José Abalo, Mario Iglesias, Tania Álvarez, Javier Carballo e Alba Cuba conforman, xunto con García, o equipo responsable da realización dunhas probas que, como explica este último, permiten “ter a información necesaria para o deseño do adestramento máis adecuado” nun deporte no que, recoñece, “seguen reproducíndose métodos pouco probados” no proceso de preparación dos e das deportistas.
Nese senso, a avaliación comprende unha análise da composición corporal, das porcentaxes de masa muscular e graxa, e unha “valoración neuromuscular”, na que, a través dunha tensiomiografía, avalíanse as características dos principais músculos que afectan á pedalada.
Por outra banda, tamén se somete aos ciclistas a unha “valoración de forza, que cada vez é máis importante neste deporte” e que, entre outros aspectos, permite “determinar a forza da perna dereita e da perna esquerda, que é algo que ten logo unha transferencia no que eles poden pedalear”, explica García, de tal xeito que contribuiría a detectar e tratar de compensar posibles descompensacións.
Por último, a avaliación complétase cunha “proba máis específica de valoración de limiares e potencia nun cicloergómetro”, no que tratan de determinar o máximo de vatios que os deportistas son capaces de xerar pedaleando.
Informes
Destas medicións sairán unha serie de informes para o equipo técnico do Rías Baixas, que como sinala Iván Rodríguez “son moi importantes para definir cal pode ser o plan de adestramento”. Titulado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, o director deportivo recoñece que tanto os datos obtidos nesta avaliación como a revisión médica que nesta pretempada realiza aos integrantes do equipo o cardiólogo Diego Fernández proporcionan datos “cunha mesma metodoloxía, que para min son fundamentais como adestrador”, para logo poder “mellorar o rendemento” e realizar unha planificación adecuada do traballo a realizar cun grupo de ciclistas procedentes de diferentes puntos de España.
Do mesmo xeito, estas análises tamén proporcionan información valiosa aos investigadores da facultade, como engade García. “Obtemos un coñecemento máis preciso do ciclismo amateur, no que as referencias ás veces son escasas”, salienta este investigador, que incide en que o traballo que realizan cun equipo que a pasada tempada foi o terceiro mellor conxunto amateur de España na categoría elite, permítelles “evidenciar certas cuestións que poden supor unha achega de coñecemento á sociedade, e que non son aplicables só ao ciclismo amateur, senón tamén a outros colectivos como os cicloturistas”.