A mala fortuna impediu que os metais de Trabazo e De la Fuente fosen doutra cor. Ambos sufriron caídas que lles restaron opcións de loitar pola vitoria. A corredora junior de Marín, campioa da Copa de España 2015, non puido sobrepoñerse a este contratempo e á fortaleza da catalá Magda Durán, que se impuxo cunha vantaxe dun minuto e vinte e seis segundos.
Trabazo tivo que apertar os dentes para manter a segunda praza e conseguiuna cunha renda de seis segundos sobre a valenciana Sofía Rodríguez. Nesta mesma carreira, as outras dúas galegas acabaron entre as dez primeiras. Sara Trigo terminou oitava e Zaida González décima.
Pola súa banda, Javier de la Fuente, fiel ao que foi toda a súa tempada na que logrou o triunfo na Copa de España, tomou a cabeza desde o inicio, aínda que unha caída na terceira da catro voltas “afectoume bastante, quedei ata mareado”, o que supuxo que o asturiano Miguel Ángel Taboada collese a dianteira e lograse o triunfo, co galego a 24” e o valenciano Vicent Bonafé, a 29” completando o podio.
Outra destacada actuación dos corredores da Selección de Galicia asinárona os sub-23. Samuel González mantívose na loita polas medallas ata o tramo final e concluíu quinto, con Adrián Valverde un posto máis atrás. Tamén ofreceron un notable rendemento as mulleres cadetes con Carla Fernández finalizando sétima, Antía Martínez novena e Ana Belén Domínguez vixésima.
A colleita de representantes galegos no Top-10 completouna Desirée Duarte na proba reina feminina Elite e Sub-23, ocupando a décima praza e cuarta mellor sub-23, coa súa compañeira de selección Sandra Moral vixésimo primeira. Preto dos dez primeiros acabou Guillermo Álvarez en Master-40. O ciclista do Fornelos entrou na duodécima praza.
A última xornada, a do domingo, arrincará cos cadetes (10:30 horas), categoría que contará coa presenza de Carlos Canal, Adrian Giráldez, Adrian Barros e Mario Fernández. Unha hora máis tarde (11:45) entrarán en escena os juniors. O vencedor da Copa de España 2015, Iván Feijóo, destaca na formación de Galicia acompañado de Román Saa, Abel Franco e Pablo Álvarez. Por último, Mauro González e Darío Otero estarán na carreira reina Elite (13:15), que será o colofón destes campionatos.