A cita organizada polo Clube Ciclista Dumbría nesta localidade coruñesa reuniu a preto de 200 corredores nas Instalacións Deportivas do Conco. O circuíto de 2,5 kilómetros de lonxitude presentou varias modificacións respecto ao de anteriores edicións, unhas novidades que foron do agrado dos participantes.
A carreira elite e sub23 masculina comezou co guión habitual e o líder Mauro González saíu a por todas. O representante do Salvaterra levouse a roda Samuel González e Raúl Fernández (Fornelos), que soportaron a aceleración inicial do primeiro clasificado no ránking e posteriormente descolgárono.
Adrian Valverde (Rías Baixas) tamén superou a Mauro González e na cabeza de carreira Samuel González aproveitou un erro de Raúl Fernández para marcharse en solitario. O do Fornelos reaccionou e chegou a alcanzar a Samuel González, pero cando os dous sub23 se volveron xuntar, de novo o do Salvaterra cambiou o ritmo e unha caída de Raúl Fernández deixoulle vía libre para gañar.
O vencedor o pasado domingo en Marín repetía éxito en Dumbría cun tempo de 1 hora e 4 segundos. Na segunda posición, a 26”, rematou como primeiro elite Adrian Valverde, e a 37” ocupaba a terceira praza o líder Mauro González despois de bater a Raúl Fernández na última volta. Óscar Pereiro, na súa segunda participación na Copa Galicia 2016, obtivo o undécimo posto.
“Atopeime máis forte do esperado. Ademais este circuíto era ‘de motor’ e facíase duro. Perdinme as dúas primeiras carreiras por mor dunha operación de xeonllo e vestirme co maillot de líder sub23 xa é un logro”, valorou Samuel González.
Reacción triunfal
Maís contundente foi o triunfo de Isabel Castro entre as elite e sub23 femininas. A líder rodou na primeira volta acompañada pola súa compañeira Desiree Duarte, por Irene Trabazo (Meruelo) e por María José Gómez e Sandra Moral, ambas do Cidade de Lugo. Castro e Trabazo fóronse ao chan ao comezo da segunda volta, pero iso non lles impediu retomar a cabeza. A líder non se detivo aí e a continuación lanzou un ataque que resultaría definitivo.
A experimentada ciclista do Fornelos superou na meta en 35 segundos a Trabazo e en 48” a Duarte, que venceu no esprint pola terceira praza a Gómez. Con este resultado Castro reforza o seu primeiro posto na xeral.
Mario Fernández (O Rosal) e Andrea García (Cambre) en cadetes; Sara Trigo (Cidade de Lugo) nas júniors; Andrés Calvete (Cambre) nos Máster -30 e Javier de la Fuente (Betanzos) nos Máster-50/60 foron os outros triunfadores da xornada.
Nos rankings da Copa Galicia, a cadete Antía Martínez (Maceda) aproveitou a ausencia da súa compañeira Noela Saa para asaltar o liderado. Carlos Canal (Maceda) nos cadetes, Sara Trigo e Pablo Álvarez (Cambre) en júniors, Andrés Calvete nos Máster-30, Manuel Armanda (Asociación Galega de Ciclistas) nos Máster-40 e Javier de la Fuente nos Máster-50/60 continúan dominando as súas clasificacións.
A próxima cita deste certame autonómico disputarase o 6 de decembro na localidade coruñesa de Boiro.